Inauguráronse os cursos de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros e españois de fóra de Galicia

Preto de 100 estudantes de 22 estados distintos de Europa, América e Asia participan na XXV edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros e españois de fóra de Galicia que, organizados pola Real Academia Galega, o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e mais a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, se desenvolven en Compostela ata o 27 de xullo. A inauguración oficial dos cursos tivo lugar este venres 6 na sede da Real Academia Galega na Coruña nun acto no que interviñeron o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; o vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización da USC, Víctor Millet Schröder; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez; a directora do Instituto da Lingua Galega, Rosario Álvarez Blanco; e o director dos cursos de verán, Francisco Fernández Rei. Nas edicións anteriores participaron nos cursos arredor de 2.400 persoas de moi diversas procedencias. Nesta, son 86 os alumnos e alumnas procedentes de 22 estados de Europa, América e Asia que asisten ás clases. Concretamente, hai matriculadas 5 persoas procedentes de Alemaña, 2 de Arxentina, 9 de Brasil, 5 do Reino Unido, 4 de Chile, 2 de Croacia, 2 dos Estados Unidos de América, 1 de Finlandia, 2 de Francia, 3 de Hungría, 1 de Irlanda, 6 de Italia, 1 de Kazakhstan, 1 de México, 4 de Polonia, 4 de Portugal, 2 de Romanía, 8 de Rusia, 1 de Serbia, 1 de Ucraína, 1 de Xapón e 21 do estado español (2 do Bierzo, 7 de Cataluña, 1 de Euskadi, 3 de Andalucía, 3 de Madrid, 3 de Estremadura, 1 de Canarias e 1 do País Valenciano). Do alumnado matriculado, 45 persoas proveñen de 26 Centros de Estudos Galegos, vencellados á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, de universidades de Europa e América. Moitas das outras veñen de universidades nas que tamén existe vínculo coa lingua e a cultura galegas aínda que non conten cun deses centros. Inmersión lingüística e cultural Ademais das clases, estruturadas en catro niveis –elemental 1, elemental 2, medio e superior–, o alumnado asistirá a conferencias sobre cinema, literatura, historia, arte e outros eidos socioculturais de Galicia, xunto con proxeccións de películas e documentais en galego e visitas ao Museo do Pobo Galego, ao Panteón de Galegos Ilustres e á Cidade da Cultura de Galicia. Tamén gozará de dúas xornadas completas de inmersión lingüística e cultural en comarcas de interese cultural e paisaxístico, unha na Galicia interior (Allariz e Celanova) e outra na costeira (Muros, Carnota, Fisterra, Muxía e Dombate). Como explica o profesor Fernández Rei, “desde o inicio dos cursos procurouse que persoas de moi diversa procedencia se puidesen achegar directamente á lingua e á realidade sociocultural deste país, para logo serviren de embaixadores culturais de Galicia nos seus lugares de orixe”. Participan nos cursos estudantes de 22 países de todo o mundo De esquerda a dereita, Rosario Álvarez, Valentín García, Méndez Ferrín, Víctor Millet e Fernández Rei


