Este sábado comeza o outono

Na tarde deste sábado dia 22, exactamente ás 16.49 horas, comeza o outono. Xusto ese instante coincide co paso do Sol polo punto Libra ou equinoccio de setembro, é dicir, cando o astro rei atravesa o ecuador celeste dende o hemisferio norte cara ao sur. Comeza así estatisticamente o período máis chuvioso do ano en Galicia, logo dun verán bastante seco aínda que con matices segundo as distintas comarcas. Como explica o director do Observatorio Astronómico ‘Ramón María Aller’ da USC, José Ángel Docobo, xullo “confirmou en Compostela a tendencia dos últimos anos cunha primeira quincena frouxa con choivas e temperaturas non propias da época”. Agosto estivo afectado por unha dominancia dos ventos do suroeste “que sempre traen mal tempo nas Rías Baixas e comarca de Santiago, aínda que pola contra noutras zonas do norte de Galicia sucede o contrario”, explica. En todo o verán recolléronse en Compostela un total de 92 litros/m2 en 31 días, distribuídos así: nos últimos 11 días de xuño, 7.4 litros/m2; en xullo, 29,3 ; en agosto, 51,6 ; e nos 21 primeiros de setembro, 3,7. deste xeito, no que vai de ano teñen caído en Santiago un total de 666,6 litros/m2, sendo a media anual de 1.840 litros/m2. A temperatura máxima do verán na estación do Observatorio Astronómico Ramón María Aller foi de 35º7 o día 26 de xuño. Seguíronlle os 33º9 do 17 de xullo, os 33º4 do 7 de setembro, os 32º8 do 6 de setembro, e os 32º5 do 9 de agosto. A máxima máis baixa tivo lugar o 6 de xullo con só 18º5. A temperatura mínima rexistrouse o 22 de xuño con 7.9 graos. Pola contra, a noite máis quente foi a do 26 ao 27 de xuño, cando os termómetros non baixaron dos 22º9 graos. As temperaturas medias de xullo (18º8) e agosto (19º3) estiveron por baixo dos valores habituais pero aínda así foron similares ou lixeiramente máis altas que en anos recentes: 2008 (xullo: 18º2, agosto: 18º9); 2009 (17º7 , 19º4); 2011 (18º5 , 19º5). O día como a noite O día 22, ao igual que aconteceu no equinoccio de marzo, o Sol sairá xusto polo leste producíndose o solpor exactamente polo oeste de tal xeito que nesa xornada a duración do día é semellante á da noite. A partir de agora as noites terán cada vez maior duración, chegando aproximadamente na nosa latitude ás 15 horas cerca do 21 de decembro, día no que ás 12.12 horas comezará o inverno. Nos vindeiros meses haberá varias choivas de estrelas: as Dracónidas o 8 de outubro, que foron espectaculares o ano pasado; as Oriónidas o 21 de outubro; as Leónidas o 17 de novembro; e as Xemínidas o 13 de decembro. Tamén haberá dúas eclipses na estación que comeza. Unha total de Sol (13-14 de novembro) visible só en Oceanía e outra penumbral de Lúa (28 de novembro) visible na parte nordeste da Península. O ano que vén poderase ver dende Galicia unha eclipse solar case fugaz e varias penumbrais de Lúa. Ata 2015 non teremos oportunidade dende aquí de poder contemplar unha eclipse total de Lúa.
En canto á visibilidade dos planetas a simple vista, Venus seguirá sendo todo o outono o luceiro do alba. Marte pódese contemplar no oeste-suroeste na noitiña. Xúpiter, que agora está saíndo sobre as 00.00 da noite, irao facendo cada vez máis cedo e será visible practicamente durante todas as noites de outono. Dende mediados de novembro Saturno estará cara ao leste antes da saída do Sol e, finalmente, Mercurio ofrecerá dúas oportunidades para o seu seguimento: no crepúsculo vespertino na contorna do 26 de outubro e preto do 4 de decembro no crepúsculo matutino. O outono é ademais unha boa estación para tentar observar a Vía Láctea dende lugares sen contaminación lumínica.