O Laboratorio de Sistemas participa no desenvolvemento do proxecto MeteoSIX

Usuarios avanzados como grupos de investigación universitarios e desenvolvedores interesados en crear novas aplicacións para móbiles ou webs a partir dos datos que publica MeteoGalicia contan xa cun servizo web gratuíto, dentro do proxecto MeteoSIX, que achega a través dun servidor específico os datos de predicións en diversos formatos de fácil procesamento ou directamente inseribles en webs. O Laboratorio de Sistemas da USC, xunto ao grupo de Arquitectura de Computadores da Universidade da Coruña e o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), son os responsables do proxecto MeteoSIX que coordina MeteoGalicia dende decembro de 2009. O servidor THREDDS (Thematic Realtime Environmental Distributed Data Service) é unha ferramenta de conectividade entre provedores de datos científicos e posibles usuarios finais. Baséase na xeración dinámica de catálogos en formato xml a través dos cales se achegan ligazóns de acceso mediante diferentes protocolos ás diferentes coleccións e conxuntos de datos. A través desta ferramenta permítese o acceso público a datos dos modelos operacionais de MeteoGalicia, datos arquivados e datos externos doutros sistemas. Aplicación para móbil Dentro do proxecto produciuse ademais a aplicación MeteoSIX Mobile, coa que é posible obter no móbil a predición meteorolóxica para calquera punto de Galicia ou da súa costa. Está dispoñible para os teléfonos intelixentes e tabletas que contan cos sistemas Android e iOS (iPhone e iPad). Milleiros de persoas xa teñen instalada nos seus teléfonos intelixentes a aplicación, descargada preto de 15.000 veces, e que permite buscar entre máis de 29.500 localidades e 800 praias ou seleccionar calquera lugar no mapa, en terra ou no mar, e obter a predición para ese punto. Unha vez seleccionado o lugar, ou cando o propio móbil detecte onde se atopa, pódese consultar a predición hora a hora para tres días e as seguintes variables: estado do ceo, temperatura, precipitacións, vento, cota de neve, humidade relativa, cobertura nubosa, presión, altura, período e dirección de onda e temperatura e salinidade da auga. MeteoSIX Mobile permite gardar facilmente os lugares favoritos, para poder acceder á predición meteorolóxica ou oceanográfica para eses puntos directamente e sen necesidade de buscalos de novo.
Está previsto que neste mesmo ano 2012 a cobertura da aplicación se estenda a todo o litoral atlántico e resto da Península Ibérica, con novas melloras e servizos, como poder coñecer información relativa ás mareas ou ás horas de saída e posta do sol nun punto determinado. Tamén se poderá consultar o estado da meteoroloxía para calquera punto de Galicia en tempo real, a partir dos datos procedentes das estacións meteorolóxicas.