Pasar al contenido principal

A Facultade de Veterinaria de Lugo acolle unhas xornadas de vacún de leite

O encontro, que alcanza a súa décima edición, está organizado pola cooperativa de servizos agrarios Seragro

No auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo desenvólvense os días 8 e 9 de novembro as X Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, organizadas pola cooperativa de servizos agrarios Seragro. O encontro está dirixido a técnicos veterinarios e produtores gandeiros, e a entrada é gratuíta e non require de inscrición previa. A serie de relatorios ábrese con Sergio Calsamiglia, da Universidade Autónoma de Barcelona, quen disertará sobre a relación entre produción intensiva e medio ambiente. A continuación o persoal de servizos técnicos de Seragro achegará a súa visión sobre as claves necesarias para acadar unha alta produción leiteira a través da mellora xenética, o manexo reprodutivo e a eficiencia alimentaria. Na sesión de tarde o catedrático da USC Ángel Carracedo, intervirá co relatorio 'A revolución xenómica en veterinaria', mentres que Luis Queirós, da compañía Pioneer-España, falará sobre a importancia da calidade do ensilado de millo no custo da produción láctea. A xornada do venres 9 iníciase cunha charla sobre a xestión económica nas explotacións lácteas, a cargo do gandeiro italiano Serafino Zanoli; Duarte Díaz, experto en toxicoloxía, centrará a súa intervención no impacto das microtoxinas na gandería leiteira; e Luis Calabozo, director xeral da Federación Nacional de Industrias Lácteas (FeNIL), disertará sobre os desafíos e oportunidades do sector lácteo ante as reformas. Xa na sesión de tarde Xosé Rodríguez Blanco, secretario de organización do sindicato Unión Agrarias, falará sobre os aspectos técnicos da reforma da PAC e a súa incidencia nas explotacións leiteiras galegas. O encontro péchase cunha mesa redonda sobre o paquete lácteo, a reforma da PAC, a ordenación territorial, os novos contratos e as perspectivas dos prezos do leite e a cota láctea na que participan o director xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da UE, José Manuel Silva; a subdirectora de Produtos Gandeiros do Ministerio de Agricultura, Esperanza Orellana; os profesores da USC Francisco Sineiro e Bernardo Valdês; e Luis Calabozo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.11.2012.