Cinco minutos para entreter en galego sobre economía
Conxugar en lingua galega economía con enxeño. Diso trata o primeiro concurso de vídeos que organiza a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, que anima a presentar antes do 23 de novembro pezas de menos de 5 minutos de duración sobre un tema de temática económico-empresarial en galego. Ao concurso ‘Tes 5 minutos… ¡Grávao e cóntanolo!’ pode concorrer calquera membro da comunidade universitaria da USC do presente curso académico. Quen acade o primeiro premio recibirá 400 euros, 150 serán para o segundo e haberá tamén un premio do público de 150 euros. Os vídeos, realizados con calquera técnica creativa, deben ser inéditos e orixinais nos seus contidos e os seus autores ou autoras (poden realizarse de xeito individual ou en grupo) serán os únicos responsables do contido das pezas entregadas. Cómpre enviar un DVD coa peza de vídeo, en formato formato .avi ou .mov, nun sobre pechado dirixido á Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC. O 29 de novembro na propia Facultade, logo da presentación e exhibición ao público dos vídeos presentados ao concurso (ou, de ser o caso, dos preseleccionados), outorgaranse os premios do certame.