A Aula de Teatro, a orquestra do Espazo de Cámara e o Coro Universitario da USC seleccionan integrantes para as súas producións deste curso
A Aula de Teatro, a Orquestra do Espazo de Cámara e o Coro Universitario da USC organizarán nas vindeiras semanas as súas respectivas probas para a selección de novos/as integrantes para o curso 2012-2013. As primeiras probas serán as correspondentes á Aula de Teatro que seleccionará actores e actrices para a súa próxima montaxe ‘Agamenón volve do supermercado e malla no fillo’ de Rodrigo García. As persoas interesadas deberán acudir os días 17, 18 e 19 de setembro a partir das 18.00 horas á sala de teatro Roberto Vidal Bolaño no Auditorio da Universidade (Campus Vida). O Coro seleccionará as súas novas voces en dúas probas os días 19 e 26 a partir das 21.00 horas na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Norte (avenida Xoán XXIII, s/n). Finalmente, as probas da orquestra do Espazo de Cámara diríxense a aqueles estudantes da USC que saiban tocar un instrumento musical ou a aqueles estudantes de música así como persoas interesadas en participar no proxecto desta orquestra. O requisito é ter como mínimo un nivel 5º de grao medio ou, na corda, saber afinar o instrumento e cambiar de posición. A cita será o próximo 27 de setembro a partir das 20.00 horas na Igrexa da Universidade, con especial atención a instrumentos como o violín, viola, violoncelo, contrabaixo, arpa, frauta, óboe, fagot, trompa, trompeta, trombón, tuba e percusión. As persoas que acudan deberán interpretar unha peza que elixan ademais de que se lles achegará unha sinxela pasaxe a primeira vista.