Juan Casares Long: “Autonomía e responsabilidade son as claves que permitirán lograr a excelencia”

A Universidade de Santiago deu por inaugurado este xoves 6 o curso académico 2012-2013 nun solemne acto celebrado no Salón Nobre do Colexio de Fonseca que contou coa participación de numerosas autoridades académicas e civís, entre elas o presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga, e representantes das outras dúas Universidades públicas galegas. O reitor da Universidade de Santiago centrou o seu discurso de inicio de curso na autonomía universitaria, “clave na busca da excelencia”. Juan Casares Long fixo alusión a un estudo realizado pola Asociación Europea de Universidades que, tomando como referencia as catro dimensións básicas da autonomía universitaria –a académica, a financeira, a organizativa e a de contratación do seu persoal–, concluía que dos 28 países avaliados as Universidades públicas españolas se atopan no grupo das que teñen unha autonomía “entre media baixa e baixa”. E, proseguiu, “de ter en conta as medidas lexislativas dos últimos dous anos estaríamos claramente no chanzo máis baixo da autonomia”. Nesta liña, e tomando como partida a advertencia da Comisión Europea sobre a excesiva regulamentación e o insuficiente financiamento que reciben as Universidades, o reitor Casares reclamou no seu discurso un acordo entre a universidade, a sociedade e os poderes públicos “ entendido como un compromiso cultural a suficiente longo prazo, cara a e dende a Universidade como institución coas súas propias características, aceptable para a sociedade da que forma parte”. “O Estado non debe intervir e debe evitar que outros interfiran na actividade académica”, dixo, “porque historicamente cada vez que o poder político restrinxiu a autonomía das universidades correspondeuse cun período de decadencia social e intelectual”. Na súa opinión, un elevado nivel de autonomía permite ser proactiva fronte aos cambios e innovadora; “demasiada regulamentación e presión externas debilitan a institución”, afirmou. A autonomía, entende o reitor da USC, debe garantirse fronte ao Estado, os mercados, e calquera tipo de crenza ou ideoloxía, “e deben ser obxecto desa autonomía a organización interna da Universidade, o establecemento de procesos na toma de decisións, a selección do profesorado e a xestión dos seus recursos financeiros”. “É moi importante o camiño que nos queda por recorrer en España para conseguir unha verdadeira e plena autonomía e asumir a responsabilidade correspondente para responder ante quen proceda do seu uso, que nos permita aspirar a esa excelencia que demandamos a nós mesmos e que se nos demanda”, rematou. Memoria e lección As verbas do reitor foron o colofón dun acto que comezou coa lectura da Memoria do pasado curso académico, con máis de 30.000 estudantes matriculados, a cargo da secretaria xeral da USC, Lourdes Noya, que fixo fincapé na modificación da cualificación de campus de excelencia internacional de interese rexional a interese global, no inicio das actividades de investigación dos edificios CIQUS e CIMUS e no incremento da produción científica no ano 2011 con respecto ao ano 2010, entre outras cuestións salientables. A lección maxistral este ano correspondeulle á Facultade de Ciencias Políticas e Sociais á que pertence o catedrático de Ciencia Política Ramón Máiz, que falou sobre ‘Ciencia política e federalismo na Europa do século XXI’. Para o profesor Máiz, cando en tempos como os actuais “de crise económica, política e moral” en España e Europa “a visión federal devece, da man da substitución da política polos mercados, faise máis que nunca decisivo recoñecer que os marcos explicativos e interpretativos para conviccións importantes das nosas democracias se teñen perdido na cultura política e na conciencia pública”. Precisamente, dixo, a tarefa das ciencias sociais é a de “construír ese marco e asignar conceptos a valores, principios, actitudes e institucións para poder discutir os problemas aberta e rigorosamente”. Insignias Fonseca O programa continuou coa entrega da Insignia de Fonseca a corenta e cinco integrantes da comunidade universitaria, catorce do cadro de Persoal de Administración e Servizos e os restantes do Persoal Docente e Investigador, en recoñecemento ás máis de tres décadas de servizos prestados á Universidade compostelá. En representación das persoas recoñecidas con esta distinción interviñeron, visiblemente emocionados, o profesor Guillermo Rojo e a directora do Arquivo Histórico da USC, María José Justo. Os membros do PDI que recibiron esta Insignia foron Ángel Álvarez Prechous, Andrés Beiras Iglesias, José Castillo Sánchez, Juan Gestal Otero, José Martinón Sánchez, María José Meizoso Coya, Manuel Castro Gago e María Luz Nogueira Carballedo, da Facultade de Medicina; Manuel Ceferino Díaz Díaz, María del Carmen Guisán Seijas e Miguel Pousa Hernández, de Económicas; Antonio Blanco Seoane e Francisco Chenlo Romero, da ETSE; José Caamaño Gesto, Luisa Pérez Fariña, Ermelindo Portela Silva e José M. Vázquez Varela, de Xeografía e Historia; José Cajide Val e Antonio Vara Coomonte, de Ciencias da Educación; María Regina Carballal Durán, de Bioloxía; Manuel Fugarolas Villamarín e Miguel del Río Vázquez, de Matemáticas; Domingo Gómez Fernández, de Psicoloxía; Lorenzo Gómez González e José Rivas Rey, de Física; Dolores Gómez Penas, Jesús Pena Seijas, José L. Rodríguez Fernández e Guillermo Rojo Sánchez, de Filoloxía; e Luis López Seijas e F. José Silvosa Costa, de Formación de Profesorado de Lugo. Do PAS foron recoñecidos coa Insignia José Aldrey Otero, Isabel Álvarez García, María del Carmen Buján Fernández, Ramón García Rey, Josefina Iglesias Barreiro, Inés Iglesias Saco, María José Justo Martín, José Martínez Ferro, Manuel Pombo Garazo, Virtudes Rial Míguez, Xosé Luis Santos Cabanas, Maruxa Suárez Castiñeira, María Torres Salgado e Carmen Varela Prado. Recibiron a Insignia Fonseca o persoal de PAS e PDI en recoñecemento ás máis de tres décadas de servizo na USC O catedrático Ramón Máiz (na foto, co reitor da USC) foi o encargado de ler a lección maxistral O reitor Juan Carares presidiu o acto, acompañado do presidente do Consello Social, representantes das outras Universidades galegas e membros do equipo reitoral A comitiva académica a piques de entrar no Salón Nobre




