Comezan as Nerd Nites en Compostela, primeira sede española da orixinal iniciativa
Os expertos da USC Miguel López e Francisco Martínez xunto co crítico de arte David Barro inaugurarán este xoves 20 as Nerd Nites, charlas de carácter científico en locais nocturnos de ocio que naceron hai anos en Estados Unidos e ás que agora se suma Compostela, a primeira cidade española que as organizará. O primeiro encontro ‘nerd’ (acrónimo en inglés de Non-Emotionally-Responding Dude, persoa de pouca resposta emocional) producirase este xoves ás 22.00 horas no Kunsthalle (Rúa da Conga, 8). Participan o crítico de arte e comisario de exposicións, David Barro, que se preguntará ¿‘Por que a pintura xa non é pintura?’; o investigador Ramón y Cajal do CIMUS Miguel López coa charla ‘Comer e “gastar” todo é empezar: o problema da obesidade’; e Francisco Martínez, profesor en Ciencias Políticas, que establecerá un paralelismo entre Spiderman e as redes de poder. Os tres son individuos que conxugan unha traxectoria académica brillante e unha gran capacidade comunicativa, requisitos esenciais para participar na iniciativa que unha vez ao mes aglutinará nun local de ocio da cidade tres charlas, cada unha delas de 15 minutos con temáticas completamente diferentes pero coa clave común da sinxeleza de conceptos e contidos. Nas Nerd Nites charlarán co público das disciplinas que lles apaixonan nun ton distendido e fóra do ámbito académico. Casino e Nave de Vidán O Café Casino é o lugar elixido para a sesión do 23 de outubro, na que participarán Carmen Pomar coa charla ‘O cociñeiro, o biscoito e o paraugas: da intelixencia intelixente’, Carlos Díaz con ‘¿Quen é o mellor?’, e Chus Agra, Carmen Franco e Cristina Trigo con ‘Agora máis que nunca: construír utopías na educación artística’.
O programa para o primeiro trimestre pecharase o 27 de novembro na Nave de Vidán coa intervención de Cassarina Verret con ‘Se poden, ¿por que non o fan? O trastorno por déficit de atención sen ou con hiperactividade (TAD –H)’, Manuel Collado con ‘En busca da fonte da eterna xuventude’ e Javier Mas con ‘Perdidos no espazo-tempo’.