Pasar al contenido principal

O Espazo de Danza da USC no Campus de Lugo abre o prazo de inscrición para as actividades do curso 2012-13

Representación da obra  por parte da Compañía de Danza da USC en Lugo durante o X Encontro Universitario de Danza da capital lucense, o pasado mes de abril
Representación da obra por parte da Compañía de Danza da USC en Lugo durante o X Encontro Universitario de Danza da capital lucense, o pasado mes de abril
A oferta deste ano vai desde un curso de danza contemporánea á participación na compañía universitaria, pasando por talleres de ritmos clásicos ou latinos

O Espazo de Danza da USC no Campus de Lugo, dirixido por Juan Carlos Zahera, abre o mércores 19 o prazo de inscrición nas actividades ofertadas para este curso. Os interesados poden dirixirse á Área de Cultura da USC no Campus de Lugo, situada no edificio da Vicerreitoría de Coordinación de Planificación (tfnos.: 982 821 510 – 982 821 513). Entre o 30 de outubro e o 21 de marzo desenvolverase o curso de danza contemporánea (nivel elemental), impartido por Juan Carlos Zahera e Rosa Acuña. As clases terán lugar na Aula de Danza da Facultade de Veterinaria os martes e xoves de 20.00 a 22.00 horas, e o prezo do curso oscila entre os 85 euros para os membros da comunidade universitaria e os 105 da matrícula xeral. Ademais, a partir do 6 de novembro comezarán os traballos para a creación das novas coreografías da Compañía de Danza da USC, dedicada á creación e investigación do movemento no ámbito da danza contemporánea. Para participar nesta actividade é preciso ter realizado o curso de danza contemporánea ou ter sido membro da Compañía de Danza da USC en anos anteriores. As clases serán de 19.00 a 20.00 horas na Aula de Danza da Facultade de Veterinaria. As sesións, a cargo de Juan Carlos Zahera, rematan no mes de marzo, xa que a partir dese momento a Compañía de Danza comeza a participar en saídas e festivais de danza, así como no encontro que organiza o propio Espazo de Danza da USC, e que no próximo ano chegará á súa undécima edición. Ademais, o Espazo de Danza ofrece asesoría de creación e produción coreográfica, servizos de préstamos e lugares de ensaio a aqueles colectivos que estean interesados en poñer en marcha o seu propio proxecto coreográfico, co único requisito de pertencer á comunidade universitaria. Ritmos clásicos e latinos O Espazo de Danza da USC no Campus de Lugo, dentro da súa sección ‘Baile na sociedade’ organiza tamén senllos talleres de ritmos clásicos (valse e tango) e ritmos latinos (salsa, bachata e merengue). As clases do curso de ritmos clásicos desenvolveranse entre o 9 de novembro e o 21 de decembro os martes de 20.30 a 22.00, e o encargado da súa impartición será o director do Espazo de Danza da USC, Juan Carlos Zahera. O curso de ritmos latinos celebrarase entre o 8 de xaneiro e o 19 de marzo do próximo ano, no mesmo horario. Neste taller a docencia corre a cargo dos profesores Iago e Antía Anello. Ambas as actividades terán tamén como sede a Aula de Danza da Facultade de Veterinaria.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.09.2012.