Pasar al contenido principal

Estudan na USC a adaptación do territorio aos efectos do cambio climático

Estudan na USC a adaptación do territorio aos efectos do cambio climático
Estudan na USC a adaptación do territorio aos efectos do cambio climático
Presentan as actividades do proxecto comunitario F:ACTS! no que participa o Laboratorio do Territorio da USC

O Centro de Estudos Avanzados da USC está a ser a sede da Conferencia Multifunctional Land Management for Climate Change Adaptation, unhas xornadas sobre a adaptación do territorio aos efectos do cambio climático que se desenvolven no contexto do proxecto F:ACTS! (Forms for: Adapting to Climate Change through Territorial Strategies). F:ACTS! é unha iniciativa de cooperación internacional financiada polo programa comunitario Interreg IVC na que participan 11 institucións de 8 países europeos, entre elas a USC (a través do Laboratorio do Territorio) e a Consellaría do Medio Rural, e que promove o desenvolvemento de políticas e estratexias de adaptación ás consecuencias do cambio climático. Estas xornadas de Santiago de Compostela están concibidas como unha das fases finais do proxecto, xa que nelas se darán a coñecer as actividades realizadas e os resultados acadados desde a súa posta en marcha en xaneiro de 2010. Outras dúas xornadas similares, que se celebrarán en novembro en Hungría e Bélxica, servirán de peche aos traballos desenvolvidos a través desta iniciativa. Programa das xornadas A conferencia comezou este mércores cun acto oficial de inauguración no que participaron o vicerreitor de Investigación e Innovación da USC, Francisco González García; o secretario xeral de Medio Rural e Montes da Consellería do Medio Rural, Tomás Fernández Couto; e o coordinador do proxecto F:ACTS!, o holandés Frank Van Holst, que foi tamén o encargado do primeiro dos relatorios do encontro, que serviu de introdución sobre os obxectivos do proxecto. A continuación interveu Dionisio Rodríguez Álvarez, xefe do Servizo de Cambio Climático e Investigación Ambiental da Xunta de Galicia, para falar sobre os efectos do cambio climático na área suroccidental europea, logo da cal o persoal do Laboratorio da Terra da USC presentou unha comunicación sobre aprendizaxe e boas prácticas no proxecto F:ACTS! Mediante a relación entre desenvolvemento territorial e adaptación ao cambio climático. Unha serie de casos de diferentes países (montes comunitarios en Mação, Portugal; a produción de granxa a escala local en Lituania; e as comunidades verdes da provincia de Trentino, en Italia), presentados polos seus responsables, servirán como exemplo do manexo axeitado dos recursos desde unha perspectiva local. A sesión do día 24 remata cunha mesa redonda sobre as políticas e iniciativas que se están desenvolvendo en Galicia para previr o abandono da terra e promover o regreso ao medio rural. A xornada do xoves 25 inclúe a presentación de varios proxectos piloto postos en marcha a partir do proxecto F:ACTS! en Galicia, Aveiro (Portugal), De Wijers (Bélxica), Varna (Bulgaria) e Strofylia (Grecia). Neste segundo día tamén se presentarán as conclusións do proxecto, por parte dos profesores Francisco José Ónega (USC) e Win Timmermans (Van Hall Larenstein University dos Países Baixos).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.10.2012.