Medicina honra o seu patrón, San Lucas

O reitor Juan Casares presidiu este venres 19 o acto académico co gallo do día de San Lucas, patrón da Facultade de Medicina, nunha sesión no Salón de Actos deste centro académico que forma parte do programa de actividades do Ano Antonio Casares Rodríguez (1812-2012) na USC, en homenaxe ao douscentos aniversario do nacemento do que fóra pai da Química moderna en Galicia. Na quenda de intervencións tomaron a palabra o presidente do Colexio de Odontólogos da Coruña, José Mª Suárez Quintanilla; a vicepresidenta do Colexio de Médicos da Coruña, Enriqueta Rivas; e o decano do centro, Juan Gestal, xunto aos que tamén asistiron os integrantes do equipo directivo desta Facultade, os vicedecanos José Martín Carreira e Víctor Arce, e o secretario do centro, Luis Lima, ademais do profesor Antonio Crespo.
O mesmo acto académico incluíu a conferencia, derradeira das que se celebraron ao longo de toda esta semana baixo o lema ‘Antonio Casares e a Medicina’, do profesor e presidente da Real Academia de Medicina, José Carro Otero, titulada ‘Casares e a autentificación dos restos do Apóstolo’. A continuación inaugurouse na entreplanta 1º do centro a exposición do Museo de Anestesia, con fondos da Sociedade Española de Anestesia, e un monumento dedicado ao doante de corpo, no xardín da Facultade. A pedra e a árbore son os dous elementos simbólicos que integran este monumento, un monolito de José Conde Ferreirós concibido como “a expresión física e permanente do agradecemento ao inmenso altruísmo do doante e á xenerosidade dos seus familiares”.
Ano Antonio Casares
A conmemoración do Ano Antonio Casares é unha iniciativa que está impulsada polas facultades de Medicina, Farmacia, Bioloxía, Química, Matemáticas e Física, todos eles centros cos que Antonio Casares mantivo algún tivo de vinculación durante a súa etapa universitaria e que concentrarán os principais eventos no marco da conmemoración dos seus respectivos patróns de centro.
Público asistente ao acto O monumento dedicado ao doante de corpo permanece dende hoxe no xardín da Facultade Inaugurouse ademais a exposición do Museo de Anestesia