Amal Filatélico na Igrexa da Universidade, un paseo polo mundo árabe
A Igrexa da Universidade acolle dende este xoves 11 e ata o 22 de outubro unha orixinal mostra complementaria do Festival cinematográfico euroárabe Amal. Trátase dunha compilación dos sobres e selos que dende diversos países árabes chegaron a Compostela envolvendo os filmes que este ano participan no festival. A exposición inaugúrase ás 19.00 horas nun acto no que participan a subdirectora da Área de Cultura da USC, Mercedes Rosón, a comisaria da mostra, Coralie Yap Chine, e o equipo do festival que dirixe Ghaleb Jaber Martínez. Amal Filatélico xira en torno a Alxeria, Marrocos, Tunisia, Exipto, Líbano, Qatar, Bahréin e Irak e varias ducias de selos que informan dos eventos máis relevantes que alí marcaron actualidade, pero tamén do legado histórico e artístico de certos países árabes. A comisaria da mostra e coordinadora do festival xunto coa licenciada en Belas Artes Julia Crespo reciclaron o material recibido para dar a coñecer a riqueza orixinal dalgúns selos, outorgándolles un valor diferente ao seu coa finalidade de difundir outro aspecto da cultura árabe.