As potencialidades do galego como lingua para o emprendemento, a tecnoloxía e a comunicación, a debate nunhas xornadas en Lugo
As comisións de normalización lingüística dos centros do Campus de Lugo organizan conxuntamente entre os días 26 e 28 de outubro o foro Proxéctate en galego. A actividade, dirixida a toda a comunidade universitaria, celébrase na Casa do Saber adxunta á Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, onde o día 26 ás 9.45 horas terá lugar o acto de inauguración, coa presenza do vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo, Antonio Veiga; Xusto Rodrígurez Río, técnico do Servizo de Normalización Lingüística da USC no Campus de Lugo; e a profesora da USC Marta López Alonso (presidenta da Comisión de Normalización da Facultade de Veterinaria de Lugo). En palabras dos seus promotores, o encontro ten como obxectivo "mostrar que o galego é unha oportunidade e unha lingua moito máis viva e dinámica do que se poida crer. O galego non é unha barreira no mundo académico ou profesional; pola contra, é unha oportunidade para o emprendemento, para a ciencia e para a comunicación entre as persoas". Xornada do venres O primeiro dos relatorios correrá a cargo do concelleiro de Medio Ambiente de Allariz (Ourense) e leva por título 'Allariz, un caso de creación de emprego e riqueza a partir da valorización do patrimonio', logo do cal desenvolverase unha mesa redonda sobre emprendemento e lingua galega moderada pola profesora Mar Pérez Fra e na que participan os xerentes das sociedades Galchimia, Lugar da Veiga e Granxa Arqueixal. A xornada de mañá péchase coa actuación musical de Mini e Mero. A sesión de tarde ábrese coa intervención de Diego Vázquez, de Imaxin Software, quen falará sobre as novas oportunidades no ámbito tecnolóxico no marco dun mundo globalizado. A continuación os profesores da USC Marta López Alonso e Francisco Candia Durán presentarán o proxecto 'Espazo USC: Proxéctate en Galego', unha plataforma dixital que busca mostrar o valor do galego como lingua vehicular en calquera ámbito profesional e científico que axiña será accesible desde a páxina web da USC. Este proxecto recibiu en 2011 o premio Luísa Villalta a iniciativas normalizadoras outorgado polos servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. A xornada complétase cunha mesa redonda sobre tecnoloxía e lingua galega, moderada por Antonio Pérez Casas (da Área TIC da USC) e na que participan representantes dos proxectos A Navalla Suíza, PuntoGAL e CINFO. Sábado e domingo O sábado 27 o programa iníciase co relatorio 'Pescudando nas orixes da materia', a cargo do profesor da USC Cibrán Santamarina. A continuación, unha mesa redonda moderada polo profesor da USC Marcelo Maneiro analiza a relación entre ciencia e lingua galega coa presenza de Manuel Vicente (director do programa da TVG Efervesciencia), Manuel Díaz (presidente de Igaciencia) e Ánxela Bugallo (profesora da Universidade da Coruña). A tarde do día 27 arranca cunha charla da profesora da Universidade da Coruña Charo Portela sobre a figura de Valentín Paz Andrade, a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas deste ano. A derradeira mesa redonda do foro estará centrada na dinámica entre lingua galega e multiculturalismo e nela toman parte as profesora da USC Carme Silva e Montserrat Souto, e Isabel Vaquero, do Servizo de Normalización Lingüística da USC; a profesora Carmen Blanco actuará como moderadora do debate. A actividade do domingo 28 consistirá nunha viaxe á Ribeira Sacra lucense durante a que se visitarán as instalacións da empresa Bodegas Moure (O Saviñao), e que inclúe tamén unha excursión en catamarán polo encoro de Santo Estevo, desde o que se poderán contemplar os bancais de viñedos e os edificios senlleiros da zona.