Pasar al contenido principal

O viaxante medieval foi quen levou ata Italia a imaxe do Camiño e de Santiago de Compostela

O viaxante medieval foi quen levou ata Italia a imaxe do Camiño e de Santiago de Compostela
O viaxante medieval foi quen levou ata Italia a imaxe do Camiño e de Santiago de Compostela
Lucrezia López analizou na súa tese de doutoramento o proceso de difusión do culto xacobeo

Baixo o título ‘A Imaxe de Santiago de Compostela e do Camiño en Italia. Unha aproximación desde a Xeografía Cultural’ Lucrezia López defendeu a súa tese de doutoramento que, dirixida polo profesor da USC Rubén Lois, acadou a cualificación de apto cum laude. Do seu percorrido pola Historia, a autora conclúe que a imaxe do Camiño e a de Santiago de Compostela proceden da historia relixiosa “e foi creada polo viaxante medieval que as levaba consigo nos seus camiños”. Co paso do tempo, afirma, a esta imaxe relixiosa “se lle foi asociando unha imaxe cada vez máis secular, que coincidiu cunha evolución e transformación da peregrinaxe en viaxe cultural”. Segundo se desprende da tese, a imaxe de Santiago como cidade relixiosa, histórica, cultural e meta de peregrinaxe para os turistas italianos resulta da acción de distintos actores que actuaron distintamente no tempo. Primeiro, a Igrexa e os peregrinos na Idade Media, logo peregrinos e viaxeiros en época moderna e finalmente visitantes, peregrinos e institucións na época contemporánea. Por tanto, conclúe Lucrezia López, “os peregrinos son desde sempre responsables da creación e da divulgación da imaxe de Santiago de Compostela e do Camiño”. Trátase dunha tese de Xeografía da Peregrinación e do Espazo Sagrado que estuda o proceso de difusión do culto xacobeo en Italia con distintas metodoloxías en función da época histórica e das fontes, o que levou a unha aproximación diferente aos fenómenos. A investigación remarca a importancia de conceptos como “sagrado”, “relixión” ou “poder”, sen esquecer as palabras claves da tese, “espazo” e “imaxe”, que ao relacionárense e aplicalos a diferentes ámbitos de investigación (paisaxe, literatura ou turismo) poñen de manifesto o carácter multifacético dunha cultura relixiosa. A autora analiza a “sistematización do sagrado na relixión” para resaltar que ese proceso sexa “expresión da supremacía e dos valores da Igrexa desde a Idade Media”. Dende o século XIV as fontes literarias xacobeas contribuíron a dar a coñecer a cidade de Compostela, sempre acompañada do seu Camiño de peregrinación. Segundo o traballo, a secularización destes séculos fai que os relatos de viaxes xa non se centren só en contidos relixiosos senón que “ revelan outras facetas do Camiño de Santiago que madurarán no tempo”. O tribunal que avaliou a tese estivo presidido polo catedrático da Universidade de Alacante Fernando Vera Rebollo e composto ademais polo catedrático da Universidade de Peruggia Giusepe Paolo Caucci von Saucken, o profesor da USC Luís Celeiro Álvarez e o profesor da Universidade de Barcelona Jaume Font i Garolera como vogais. Como secretario actuou o profesor da USC Miguel Pazos Otón.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.10.2012.