Conferencia sobre o modelo educativo finlandés na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo
A Facultade de Formación do Profesorado de Lugo acolle o xoves 25 a conferencia 'O modelo educativo finlandés: garantía de formación para toda a poboación', a cargo do profesor e pedagogo Emilio González Legaspi. O encontro celebrarase no salón de actos do centro a partir das 18.00 horas, e está aberto ao público en xeral. O sistema educativo finlandés ocupa ano tras ano os primeiros postos mundiais na avaliación de competencias do rendemento académico do alumnado (o coñecido como Informe PISA). González Legaspi, que acaba de regresar dun programa de estudos no país escandinavo, analizará e reflexionará sobre os porqués do éxito deste modelo. Legaspi desenvolve a súa actividade docente no IES Marqués de Sargadelos de San Cibrao (Cervo – Lugo) e é ademais membro da asociación de renovación pedagóxica Nova Escola Galega.