Homenaxe en Medicina a José Filgueira Oviedo

O decano da Facultade de Medicina, Juan Gestal, xunto co presidente da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (AAAAUSC), Ángel Álvarez Prechous, recibiron este mercores 24 na Sala de Profesores da Facultade compostelá a Silvio José Peluffo Filgueira, neto do que fora alumno da Universidade compostelá José Filgueira Oviedo e que desenvolvería toda a súa carreira profesional na provincia de Tucumán (Arxentina). O encontro, no que tamén participará a vicepresidenta da Asociación universitaria e directora da revisa Fonseca, Blanca Ana Roig, serviu para render homenaxe a José Filgueira Oviedo, quen, logo dos seus estudos universitarios en Compostela, se instalou en Arxentina a principios do pasado século e onde desenvolveu un intenso labor no campo da Medicina. Xunto coa súa dona instálanse en Villa Alberdi, onde foi inmediatamente nomeado médico no único hospital no sur da capital de Tucumán, na centenaria e, por entón, moi importante comunidade de Villa de Medinas. O Hospital de Medinas, terceiro da provincia, creouno en 1895 a Sociedade de Beneficencia para atender a poboación de todo o sur da provincia. Posteriormente instalará un consultorio en Villa Alberdi, sendo o único médico da poboación e de varios quilómetros á redonda. Como subliña o seu neto nun relato que verá a luz na revista Fonseca da AAAAUSC, José Filgueira foi un “salvador de vidas, con arriscadas intervencións cirúrxicas” e “facedor de vidas, xunto a renomeada parteira Carmen Tamayo, quen secundou innumerables partos nos lugares máis recónditos, accesibles só a cabalo ou en sulkys”. En 1936 se inaugura o Hospital Juan Bautista Alberdi do que nomean a Filgueira Oviedo como primeiro médico residente. Anos despois da súa morte, inaugurarán unha nova sala de internación co seu nome, homenaxe que se completará coa dedicatoria dunha rúa na xa por entonces cidade de Juan Bautista Alberdi.