Pasar al contenido principal

Un seminario de debate analiza en Lugo os inicios da inseminación artificial no gando porcino

A actividade está organizada polo grupo Histagra da USC e será impartida na Facultade de Veterinaria polo profesor da universidade británica de Exeter Paul Brassley

O martes 30 a Facultade de Veterinaria acolle o seminario de debate 'Cutting across nature? The history of artificial insemination in pigs un the United Kingdom', impartido polo profesor da Universidade de Exeter (Reino Unido) Paul Brassley a partir dun estudo homónimo da súa autoría. O encontro celebrarase na Aula-Seminario do Departamento de Xenética deste centro do Campus de Lugo a partir das 12.00 horas. Esta seminario forma parte das actividades organizadas desde Histagra (Grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural da USC). Segundo os organizadores do seminario, "a inseminación artificial ten unha importancia considerable a nivel cultural, moito máis alá dos seus impactos económico e técnico, e este estudo do profesor Brassley foi un dos primeiros en examinar a historia do seu uso no caso dos porcos, ademais de ofrecer testemuños sobre a súa utilización fornecidos por científicos implicados no seu desenvolvemento e por algúns dos primeiros gandeiros en aplicala nas súas explotacións". Paul Brassley é un dos maiores expertos europeos en economía agraria e políticas rurais, e está especializado no ámbito da historia rural, no que realizou estudos sobre a Política Agraria Común da Unión Europea, o desenvolvemento na Europa rural durante o período arredor da Segunda Guerra Mundial, o cambio tecnolóxico na agricultura británica nos anos 1935-1985 ou a economía agraria no noroeste de Inglaterra durante os séculos XVII-XVIII. Para esta actividade o grupo Histagra conta coa colaboración do grupo de investigación Acuigen.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.10.2012.