Pasar al contenido principal

O Campus de Lugo entrega os premios aos mellores traballos do seu XVIII Maratón Fotográfico

A Facultade de Veterinaria acolle ata o próximo 8 de febreiro unha exposición cunha selección das fotografías presentadas ao certame

Representantes das entidades que conforman o programa Lugo Cultural darán a coñecer o martes 11 ás 12.00 horas na Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria o nome dos gañadores dos premios da XVIII edición do Maratón Fotográfico organizado pola Área de Cultura da USC no Campus de Lugo. Así mesmo, procederase á inauguración da exposición que se realiza a partir dunha seleccións das fotografías presentadas ao certame, e que permanecerá aberta ao público ata o próximo 8 de febreiro, de luns a venres entre as 9.00 e as 21.00 horas. Ao acto de inauguración e entrega de premios asisten o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón (membro do xurado); o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continúa, Francisco Durán Villa;o deputado da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro Iglesias; a xefa do Servizo de Patrimonio Cultural da Delegación Territorial da Xunta de Galicia de Lugo, Ana María Carril Cuesta (membro do xurado); a vicedecana de Ordenación Académica e Estudantes da Facultade de Veterinaria, Izaskun Ibarguren; Carlos Valcárcel, fotógrafo lucense e membro do xurado (a quen se lle dedica un dos premios); e o fotógrafo coordinador do Espazo de Fotografía da USC, Eduardo Ochoa (membro do xurado). Tamén estarán presentes os outros tres compoñentes do xurado: Benjamín Santín Carballada, profesor de debuxo xubilado; Encarnación Lago González, xerenta da rede de Museos de Lugo; e Lucila Yañez Andión, responsable do departamento de Belas Artes do Museo Provincial de Lugo. Marca de participación Esta iniciativa, que se vén celebrando dende hai dezaoito anos, configura unha das actividades máis consolidadas e con maior éxito das que se promoven actualmente desde Lugo Cultural, no que participan a USC, o Concello e a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia. Fotógrafos máis ou menos profesionais ou afeccionados de dentro e fóra da comunidade universitaria participan habitualmente desta iniciativa, que os leva a buscar durante unha xornada a imaxe que mellor resuma os temas propostos pola organización, que nesta ocasión tivo como temas centrais a crise, o Lugo oculto, e un terceiro de carácter libre. Os participantes optan a un total de catro premios: tres de 250 euros e trofeo cada un para a mellor fotografía de cada tema e o galardón ‘Carlos Valcárcel’ dotado con 400 euros e trofeo, que se concede á mellor colección das presentadas. O maratón desenvolveuse o pasado día 30 de outubro, cunha inscrición inicial de 64 persoas das que finalmente entregaron traballos 52. Trátase da participación máis elevadas de todas as edicións, e supón un incremento de aproximadamente un 40% con respecto á participación do ano anterior.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.12.2012.