A USC acude xunto a medio centenar de editoriais universitarias á Feira Internacional do Libro

Cincuenta e dúas editoriais e servizos de publicacións de universidades e centros de investigación españois, entre os que se atopan o da USC, asisten á 30ª Feira Internacional do Libro (Líber) que se celebra estes días en Barcelona, en busca de compradores nacionais e internacionais para as súas obras. Por parte da institución compostelá desprazase o director do Servizo de Publicacións, Juan Blanco, que está a desenvolver unha serie de encontros para abordar cuestións relacionadas coa edición dixital ou a distribución, entre outros asuntos, que permitan visibilizar o traballo da universidade en materia editorial e potenciar o contacto cos principais axentes deste sector. O stand da Unión de Editoriais Universitarias Españolas (UNE) acollerá 500 obras que as editoriais dos campus españois seleccionaron para captar o interese dos profesionais do sector que visitan esta Feira internacional. Son libros pertencentes ás distintas áreas de coñecemento, cos correspondentes ás ciencias sociais como o grupo máis numeroso. A UNE preparou un catálogo en pdf coas editoriais e a enumeración do medio millar de obras que poderán consultarse no posto E 507 nestes tres días. Segundo os últimos datos publicados polo informe Las editoriales universitarias en cifras, en 2010 as universidades facturaron 21.139.348 euros pola venta dun millón e medio de libros (1.586.627 exemplares). Nese año, o 58,4% da facturación correspondeu á venta de títulos de ciencias sociais e humanas e o 37,2% a libros científico- técnicos. A persoa que merca un libro universitario é, principalmente, estudantado (40, 9%) e docentes e persoal de investigación (43,6%). Un 15,4% correspondería a público en xeral. Neste mesmo capítulo das cifras, o prezo medio de venta do libro universitario foi de 13,3 euros por libro. Detalle do stand da USC en Líber