A USC analiza a cooperación ao desenvolvemento desde a perspectiva de xénero nun dos seus cursos de verán

O curso de verán da USC Pobreza e mulleres. A cooperación ao desenvolvemento desde a perspectiva de xénero pretende unha aproximación ao papel da muller como elemento activo tanto na achega como na recepción de axuda nos países en desenvolvemento. A actividade está organizada pola profesora da Área de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC Irene Rodríguez Manzano e desenvolverase entre o 5 e o 7 de setembro próximos no salón de actos da Facultade de Ciencias Políticas do Campus Vida. O mércores 5, ás 10.00 horas, terá lugar a cerimonia inaugural, na que participan o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán Villa, a delegada de Manos Unidas en Santiago de Compostela, Mª José Fernández-Cervera; e a directora do curso. O primeiro relatorio impartirao José Luís Pastoriza, licenciado en Filosofía pola USC, e leva por nome 'Repensar a cooperación ao desenvolvemento en tempos de incerteza. Retos e desafíos para a cooperación española e galega', a continuación do cal a directora do curso falará sobre a integración da igualdade de xénero na cooperación para o desenvolvemento. Finalmente, Raquel Carballo (socióloga e responsable do Equipo de Cofinanciación da Área de Proxectos de Manos Unidas) intervirá cunha charla centrada na integración da perspectiva de xénero nos programas, proxectos e intervencións en cooperación. A sesión do día 5 rematará coa proxección do filme Bamako (Abderrahmane Sissako, 2006). O xoves 6 a xornada ábrese co relatorio 'Panorama da situación das mulleres a través de indicadores socioeconómicos', a cargo das profesoras da USC Eva Aguayo e Nélida Lamelas. 'Estratexias das empresas transnacionais ante os gobernos do Sur e os impactos nos dereitos humanos' é o título da conferencia de Juan Hernández Zubizarreta,profesor da Universidade do País Vasco, tras o cal intervirá Gonzalo Gesto Quiñoy (un dos fundadores da asociación para o comercio xusto Panxea) para falar dos microemprendementos produtivos e as formas asociativas de organización autónoma do traballo e de economía social. A profesora da Universidade da Coruña Laura Oso Casas pecha a quenda de relatorios desta xornada cunha charla arredor dos conceptos de migración, xénero e desenvolvemento. A sesión do xoves concluirá cunha mesa redonda sobre as alternativas na loita contra a pobreza na que exercerá de moderador o profesor de Economía Aplicada da Universidade de León Alfredo Macías, e que terá como relatores a Juan Hernández Zubizarreta,Eva Aguayo, Nélida Lamelas e Gonzalo Gesto. O venres 7 a actividade iníciase coa charla 'Educación e xénero: as claves para unha intervención socio educativa igualitaria', de Rita Gradaílle, profesora da Facultade de Ciencias da Educación da USC, a continuación da cal se proxectará a cinta Binta y la gran idea, de Guillermo Fesser. Cristina de Benito,Técnica do Departamento de Proxectos de África de Manos Unidas, falará sobre as experiencias e boas prácticas dos proxectos de cooperación en África. Juan Barros Dios, profesor de Medicina e Saúde pública, centrará a súa intervención na epidemioloxía e a prevención das enfermidades de maior impacto no hemisferio Sur (VIH, malaria, tuberculose) e na saúde materno-infantil. Posteriormente o doutor en Farmacia Santiago Sanmartín presentará o relatorio 'A saúde, dereito de todos. O acceso ao medicamento no mundo'. O curso rematará co relatorio 'Saúde en perspectiva de xénero ou cando ser muller é unha condena', a cargo da doutora e especialista en medicina tropical Elvira Ramos Pacho.