Pasar al contenido principal

141 bolsas de prácticas remuneradas para alumnado da USC

O prazo de inscrición finaliza o 31 de xaneiro

Un total de 141 estudantes da Universidade de Santiago poderán realizar prácticas remuneradas en pequenas e medianas empresas galegas en 2013 grazas a un programa de Banco Santander impulsado ademais pola Conferencia de Reitores de Universidades Españolas e a Confederación Española da Pequena e Mediana Empresa, representada en Galicia pola Confederación de Empresarios. As bolsas, de 1.800 euros a distribuír en tres meses, facilitan prácticas profesionais durante tres meses que servirán de complemento á formación do alumnado e á vez favorecerá a súa inserción laboral. Pola súa banda, ás pemes permitiralles incorporar o mellor talento universitario. A inscrición, tanto de empresas como de estudantes, debe realizarse antes do 31 de xaneiro a través de www.becas-santander.com. A selección de candidatos faraa a Universidade de Santiago a través da súa Área de Orientación Laboral. A iniciativa diríxese a alumnado de grao ou máster das universidades españolas ou centros adscritos a elas e a aqueles que estean cursando estudos nelas con programas de mobilidade ou convenios. As persoas interesadas deben ter superado o 50% dos créditos necesarios para obter o título e non manter relación contractual coa Universidade ou a empresa na que realizarán as prácticas. Grande acollida Na primeira convocatoria foron case 5.000 as empresas inscritas e 60.000 os estudantes que solicitaron a bolsa. Ademais, unha enquisa levada a cabo entre os participantes revelou que o 40% continuou na empresa, ben ampliando a axuda (25%) ou ben incorporándose ao cadro de persoal (15%). A iniciativa oferta en total 5.000 axudas a alumnado universitario de toda España, que se suman ás 2.500 do curso 2011-12. En Galicia o programa destinará este ano 631.800 euros. En total, a iniciativa permitirá realizar prácticas a 509 universitarios galegos entre 2012 e 2013, cun investimento de preto do millón de euros.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.12.2012.