Pasar al contenido principal

Ampla oferta deportiva da USC para este curso académico

Francisco Durán e Mariano García-Verdugo presentaron aos medios a oferta deportiva da USC
Francisco Durán e Mariano García-Verdugo presentaron aos medios a oferta deportiva da USC

A USC dispón en Compostela de 36.890 metros cadrados nos que realizar práctica libre deportiva ademais de ofrecer a opción de participar en competicións e en numerosas escolas deportivas. Así o explicaron esta mañá en rolda de prensa o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán, e o responsable da Área de Deportes da Universidade de Santiago, Mariano García-Verdugo, e indicaron ademais que no pasado curso o número de persoas que participou desta oferta deportiva ascendeu a 14.000. No que respecta á práctica libre –á que se accede con entradas puntuais, bonos ou reservas- as persoas usuarias dispoñen dunha piscina cuberta de 25 metros con seis canles, catro pistas de tenis ao aire libre e un campo de hoquei-herba. Ademais, a USC conta cun pavillón polideportivo para practicar balonmán, fútbol-sala, voleibol, baloncesto reducido e bádminton. Quen desexe xogar ao fútbol pode facelo no campo de 11 ou nos dous transversais de fútbol 7, e quen queira practicar atletismo dispón dunha pista regulamentaria de 400 metros ademais de zonas de saltos e lanzamentos e corredores interiores de adestramento. Por último, a USC conta con salas de acondicionamento físico equipadas con máquinas de exercicio cardiovascular e musculación, salas de artes marciais con tatami regulamentario, espazo de xadrez e salas de usos múltiples. Escolas deportivas Son en total vinte e oito as escolas deportivas que ofrece a USC. Desde as relacionadas coa natureza con rutas por Galicia e por Compostela ata as de natación para todos os públicos, terapéutica, de aqua-gym ou matronatación pasando por actividades de relaxación como ioga, tai-chi e pilates. A USC conta tamén con escolas de actividades de acondicionamento e competición como areobic e step, aerolatino, atletismo, bailes de salón e latinos, esgrima, hip-hop, intervaltono, judo, karate, kung-fu, mantemento, mellora da condición física, taekwondo, tenis, tiro con arco, ximnasia terapéutica e xadrez. Deporte de competición Ademais de todo o mencionado, o servizo de Deportes da USC ofrece a posibilidade de participar en diversos campionatos galegos e de España, en escolas de competición de tenis e natación e nas ligas universitarias de fútbol (en todas as modalidades), baloncesto, balonmán, deportes tradicionais, voleibol, rugby e hoquei herba. Por outra banda, e a maiores de poder adestrar en deportes colectivos, a comunidade universitaria pode formar parte do Club USC nas seccións de atletismo, judo, karate, natación, orientación, taekwondo, tenis, xadrez, fútbol e fútbol 7 veterano. Inclusión O vicerreitor Francisco Durán subliñou na presentación a vocación de servizo público que sustenta a oferta de actividades deportivas da USC. Como proba puxo os seis mil usuarios de fóra da comunidade universitaria que o pasado curso optaron polas actividades deportivas da USC, unha oferta “para todos, para a cidadanía en xeral”. Cunha demanda crecente, que aspira a aumentar a súa calidade fronte a consideracións cuantitativas, Durán lembrou que o Servizo de Deportes da USC inclúe ademais da oferta convencional atención a grupos con risco de exclusión social, persoas con discapacidade e maiores. Os servizos deportivos adquiren así unha dimensión de espazos que facilitan a socialización e a intregración, explicou o vicerreitor.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.11.2011.