USC e Concello de Lugo asinaron un convenio para impulsar a creación de empresas entre a comunidade universitaria

A USC e o Concello de Lugo asinaron este venres 11 de marzo un convenio de colaboración co fin de fomentar o desenvolvemento de iniciativas emprendedoras entre a comunidade universitaria. O reitor da USC,Juan Casares Long, e o alcalde de Lugo, José López Orozco foron os encargados de aportar a súa rúbrica nun documento que establece unha nova vía de traballo conxunto entre estas dúas entidades.
A renovación desta colaboración destinada a impulsar ideas e iniciativas empresariais coa finalidade de crear empresas con perspectivas de negocio e creadoras de postos de traballo directos, materializarase por parte da USC mediante o programa Uniemprende, que se coordinará co CEI-NODUS ( Centro de Empresas e Innovación), dependente do Concello, e co viveiro de empresas desta última entidade. A través deste acordo establécese un marco de actuación para fomentar entre membros da comunidade universitaria, tamén investigadores, ademais dun espírito emprendedor, a creatividade vinculada á empresa. O fin é o de detectar oportunidades de negocio e facilitar ferramentas para a materialización das ideas. Neste aspecto terán unha labor fundamental os promotores universitarios vinculados ao programa Uniemprende e as accións que tamén se impulsarán neste senso dende o CEI- Nodus. Deste xeito, a USC detectará a emprendedores interesados neste programa e estudará a forma de apoio financeiro a proxectos empresariais que xurdan da colaboración de ambas institucións. O Concello de Lugo porá a disposición a experiencia do equipo técnico multidisciplinar co que conta o CEI-NODUS e facilitará acceso preferente aos emprendedores da USC ao seu viveiro de empresas. Casares destacou a relación de traballo da USC co Concello e o caracter da iniciativa de fomento do emprendemento na que a entidade educativa é pioneira dende hai once anos. Por outra banda destacou que esta actividade é unha maneira de transmitir á sociedade a capacidade de converter os resultados formativos e de investigación universitaria en aplicacións prácticas que xeren actividade económica en función das necesidades e da conxuntura social actual. Dez empresas Froito do convenio que hoxe renovaron o Alcalde e o Reitor por dous anos máis, dez empresas vinculadas coa USC pasaron xa a fase ou están actualemte no CEI-NODUS. A relación de empresas vinculadas coa Universidade que gozaron dos servizos do CEI-NODUS é a seguinte: AMS LABS, Swuiss Corp Technolgy (Cesteros), Lugalia, Pexego, Mefima, Imaxina, Xan, Tecgal Enerxías, H2O Iniciativas no Medio Rural e Sopegalia.