O Consello de Goberno aproba os orzamentos da USC para 2011
Os orzamentos da USC para 2011 ascenden a 228,8 millóns de euros, o que supón unha diminución do 6,46 por cento con respecto aos do exercicio pasado. O documento que recolle as contas da institución académica compostelá recibiu o respaldo do Consello de Goberno da USC na xuntanza celebrada este luns 14 en San Xerome. Segundo se puxo de manifesto na xuntanza, a diminución experimentada polas contas da Universidade inclúe a redución experimentada polo Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego (SUG) para o presente ano así como a propia situación económica intrínseca da USC dende fai anos, cun déficit de máis de 15 millóns de euros. Baixo estas circunstancias, a vicerreitora de Economía, Sara Cantorna, reiterou na súa presentación ante o órgano colexiado que o equipo de goberno considera que o “eixo fundamental da nosa institución son as persoas” polo que “as repercusións da redución orzamentaria non van afectar ás mesmas máis aló da redución establecida polo goberno do 5%, mantendo as derivas obrigatorias así como as necesidades básicas do persoal”. Partindo da idea de que “os recursos económicos obtidos co Plan de Financiamento para o exercicio 2011 non cobren as necesidades existentes”, as prioridades do equipo de goberno pasan pola contención do gasto para afrontar os gastos de persoal e as obrigas financeiras. Deste xeito e segundo se recolle no documento presentado en Consello de Goberno, os orzamentos de 2011 “completaranse coa liquidación equilibrada do exercicio 2010 e permitirá afrontar os gastos imprescindibles para manter as actividades propias da universidade”. Para logralo “será imprescindible intensificar a eficacia e a eficiencia dos recursos empregados, así como facer un seguimento do grao de execución do orzamento que permita minimizar as súas desviacións”. Plan de Sustentabilidade Xunto aos orzamentos, o Consello de Goberno tamén aprobou o Plan de Sustentabilidade Financeira da USC para 2011, cumprindo así co establecido no Plan de Financiamento do SUG, documento que cada unha das universidades presentará anualmente perante a Consellería de Facenda, indicando as medidas e obxectivos a acadar por cada unha delas nos exercicios económicos 2011, 2012 e 2013. O Plan elaborado pola USC fai un percorrido pola súa situación económica actual, detallando a evolución ata a data de hoxe dos ingresos e gastos e do nivel de endebedamento ao tempo que presenta unha memoria explicativa dos problemas detectados. Xunto a isto, presenta tamén unha listaxe de medidas correctoras, tanto en materia de gastos como de ingresos. Concretamente, en materia de ingresos, proponse a achega a novas fontes de financiamento. Neste senso, fomentarase a colaboración entre a comunidade universitaria e as empresas mediante a sinatura de informes, contratos e convenios de colaboración, contribuíndo así tamén á transferencia de coñecemento á sociedade. En relación cos gastos, as medidas propostas abarcan dende o aforro racional dos gastos correntes ata a reprogramación de investimentos. Nesta liña, ponse en marcha un plan de aforro e eficiencia enerxética con varias actuacións encamiñadas a potenciar a economía de enerxía nos edificios e instalacións da USC. Así mesmo, a Universidade de Santiago fará un esforzo para asegurar a redución dos gastos telefónicos e do consumo do material funxible nas oficinas dos seus centros, procurando a implantación da sinatura dixital e o uso da rede para a maior parte das comunicacións. No que respecta ás comunicacións entre os campus de Santiago e Lugo empregarase de xeito máis usual a videoconferencia, as reunións virtuais e o uso das novas tecnoloxías en xeral, evitando así o desprazamento do persoal. Segundo este plan acordouse tamén a migración, nos casos que sexa posible, a software libre do campus virtual. Para rematar, o Plan de Sustentabilidade fai unha análise da evolución da situación financeira da USC para acadar o equilibrio económico.