Pasar al contenido principal

Unha exposición explora a historia, riqueza e potencialidades balnearias de Galicia

Detalle do cartel da mostra sobre a historia dos balnearios
Detalle do cartel da mostra sobre a historia dos balnearios
A mostra pode visitarse no Colexio de Fonseca ata o 27 de febreiro

‘O lecer das augas’ é o lema da exposición que sobre a Historia dos Balnearios de Galicia pode visitarse no Colexio de Fonseca da USC dende este día 3 e ata o vindeiro 27 de febreiro. O acto inaugural celébrase este xoves coa presenza do vicerreitor de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade, Javier Garbayo; a secretaría xeral para o Turismo, Mª Carmen Pardo; e o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia e secretario da Cámara Oficial Mineira de Galicia, Benigno Amor. A exposición presenta a historia, riqueza e as potencialidades balnearias de Galicia, comunidade onde se sitúa unhas das maiores concentracións termais de Europa. A mostra articúlase nunha serie de bloques cos principais fitos históricos do termalismo e as súas particularidades, arrancando co rexurdimento dos balnearios galegos no tempo da Ilustración e continuando cos balnearios liberais (1808-1874), Restauración e Belle Époque (1875-1914), ditadura de Primo de Rivera, República e posguerra, a recuperación destes establecementos durante a transición, os principais balnearios galegos na historia, a vida cotiá dos bañistas, a arquitectura destes espazos, as augas embotelladas e outras actividades industriais e a publicidade. A través de paneis explicativos afóndase en temas tales como a existencia de dous modelos de balnearios entre os anos 1875 e 1914, os tradicionais con instalacións hostaleiras e as terapéuticas modestas. A asunción por parte da comunidade autónoma da competencia exclusiva en materia de augas termais tras a promulgación do Estatuto de Autonomía é outro dos temas que se abordan na mostra ‘O lecer das augas’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.02.2011.