Pasar al contenido principal

Os tres reitores galegos e os representantes sindicais asinan o convenio colectivo do Persoal Docente e Investigador en réxime laboral

O Persoal Docente e Investigador do Sistema Universitario Galego xa conta cun novo convenio colectivo
O Persoal Docente e Investigador do Sistema Universitario Galego xa conta cun novo convenio colectivo

Os reitores das universidades da Santiago, Juan Casares; da Coruña, José Maria Barja; e de Vigo, Salustiano Mato, asinaron este xoves 3 cos representantes dos sindicatos UGT, CIG, CCOO e CSIF o II Convenio Colectivo para o Persoal Docente e Investigador das universidades galegas.

Trátase dun documento que pretende equiparar as condicións de traballo do Persoal Docente e Investigador (PDI) en réxime laboral das tres universidades na liña de reforzar o sistema universitario galego. O texto articulado en 41 artigos e catorce títulos regula as relacións laborais tanto do PDI laboral, como do persoal investigador contratado e do persoal investigador en formación contratado en réxime laboral, en total máis de 2.000 traballadores universitarios.

O convenio entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e manterá a súa vixencia ata o día 31 de decembro de 2011, tendo efectos económicos dende o día 1 de xaneiro de 2009. O documento prorrogarase de ano en ano a partir das finalización da súa vixencia de non mediar denuncia expresa.

O ámbito territorial, funcional, persoal e material, as condicións de aplicación, funcións do persoal e categorías, organización e xornada de traballo, o procedemento de selección e tribunais, o réxime retributivo ou a carreira académica son algúns dos temas que o texto define polo miúdo. Tamén contempla o convenio aos dereitos e obrigas do persoal en materia de vacacións, permisos, licenzas, ou xubilación, o réxime disciplinario, cuestións de formación, saúde laboral, acción social e dereitos sindicais.

Ademais, por vez primeira, recóllese como obxecto do convenio aos investigadores contratados polas convocatorias Parga Pondal, María Barbeito, Ramón y Cajal así como aos contratos predoutorais das universidades. Concretamente, este colectivo estará suxeito ao convenio no relativo ás vacacións, permisos e licenzas; acción social; e dereitos de representación sindical, aspecto este último xa recollido pola USC e que agora se estende ás outras dúas universidades. Nos aspectos restantes, estarán suxeitos ao establecido nas súas respectivas convocatorias.

A sinatura celebrouse na sede da Reitoría na Coruña

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.02.2011.