Pasar al contenido principal

Os estudantes de Enfermaría formaranse para a atención de casos de violencia de xénero

Un curso para os futuros sanitarios da Escola de Enfermaría de Lugo profundará nesta temática

Coñecer e aclarar os conceptos de xénero, violencia de xénero e as súas determinantes ou acadar habilidades para a escoita e comprensión das mulleres que sofren este fenómeno son algúns dos aspectos que aprenderán os alumnos de último curso da Escola de Enfermaría do Campus de Lugo nun curso que se desenvolverá o vindeiro 4 de marzo baixo o título ‘Atención ás Mulleres en situación de Violencia de Xénero’. A actividade está impulsada polo Sergas e a Consellaría de Sanidade en colaboración con este centro, e pretende preparar aos profesionais sanitarios ante casos de violencia de xénero cos que se poidan atopar na súa vida laboral. Outros dos obxectivos do programa formativo é que os sanitarios coñezan o manexo do protocolo de detección precoz e intervención ante a violencia de xénero co fin de detectar estas situacións a partir dos indicadores de sospeita. Por outra banda, tamén se pretende fomentar habilidades para a escoita e comprensión das vítimas e estar en condicións de proporcionar información sobre os recursos sociais existentes na comunidade autónoma así coma achegarse ao marco lexislativo e sobre todo á súa aplicación no ámbito sanitario. Para todo isto traballarase cunha guía de recursos, unha guía técnica e diversos programas, entre outros aspectos do temario que centrará a xornada a desenvolver no salón de actos da Escola de Enfermaría de Lugo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.02.2011.