Pasar al contenido principal

Xa está en marcha unha nova convocatoria dos premios á calidade e á excelencia lingüística, aberta ao alumnado de quince centros de Santiago e Lugo

Os alumnos que realicen en galego os seus traballos académicos, os proxectos fin de carreira ou os traballos fin de grao poderán concorrer aos Premios á Calidade e á Excelencia Lingüística. Esta iniciativa está convocada polas comisións de normalización lingüística de quince centros de Santiago e Lugo que comparten o obxectivo de fomentar o uso do galego entre o estudantado. O premio para os alumnos que decidan participar podería ascender ata un máximo de 300 euros. Concretamente, na modalidade de traballos académicos, concederanse dous premios de 150 e 100 euros por cada centro convocante, mentres que na de proxectos fin de carreira e traballos fin de grao estableceuse unha gratificación de 300 euros por titulación. A estas cantidades sumaranse as correspondentes aos premios á excelencia, segunda rolda desta convocatoria, aos que poderán aspirar os gañadores da primeira fase e que están dotados con outros 150 e 300 euros, respectivamente. A presentación axeitada dun traballo ou documento, dende o punto de vista formal (calidade na redacción, boa estruturación da información, claridade e cohesión, correcto deseño, e por suposto, corrección lingüística e terminolóxica) é unha habilidade comunicativa que todo universitario/a debe posuír e que neste concurso se liga á utilización da lingua galega. Esta nova edición corre por iniciativa de quince comisións de normalización lingüística, as das facultades de Administración e Dirección de Empresas, Bioloxía, Ciencias, Ciencias da Comunicación, Ciencias da Educación, Ciencias Económicas e Empresariais, Dereito, Filosofía, Psicoloxía, Veterinaria, Xeografía e Historia e as das escolas Politécnica Superior, Enfermaría, Formación do Profesorado e Técnica Superior de Enxeñaría. Os premios contan co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. No web sobre os premios ademais das bases e de información específica, o alumnado poderá atopar recursos de apoio para mellorar a calidade dos seus traballos académicos, como modelos de traballos, léxicos e vocabularios, e a base de datos terminolóxica multilingüe Buscatermos, con máis de 100.000 entradas.

Para acadar máis información sobre os Premios á calidade e á excelencia lingüística, as persoas interesadas poden visitar o web da convocatoria http://www.usc.es/snl/dinamiza.htm

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.01.2011.