Xulio Rodríguez recibe a homenaxe de Ciencias da Educación co gallo da súa xubilación
Vinculado coa USC dende o ano 1973, o profesor Xulio Rodríguez López foi obxecto dunha cálida homenaxe tributada pola Facultade de Ciencias da Educación co gallo da súa xubilación. Nesta xornada déronse cita numerosos compañeiros e compañeiras deste e doutros centros do campus compostelán. A homenaxe xurdiu a iniciativa da Facultade e do Departamento de Didáctica e Organización Escolar. Baixo a presidencia do vicerreitor de Estudantes, Cultural e Formación Continua, Francisco Durán, a sesión celebrouse no Salón Nobre do Colexio de Fonseca e nela realizouse un percorrido pola traxectoria persoal e profesional do homenaxeado incluíndo a presenza e concurso de dous dos seus fillos, fundadores e membros do grupo A Quenlla. Xulio Rodríguez licenciouse en Filosofía e Letras, Sección de Pedagoxía, na Universidade Pontificia de Salamanca e diplomouse posteriormente en Psicoloxía pola mesma universidade e pola Complutense de Madrid en 1972. Máis tarde, en 1997, acada o título de doutor en Pedagoxía pola USC. Na institución académica compostelá foi subdirector da Escola de Maxisterio, vicerreitor de Organización Académica e Titulacións; e vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación con Miguel Zabalza, Felipe Trillo e co actual decano Lois Ferradás. A súa traxectoria na institución compostelá comeza como profesor interino de Psicosocioloxía, para continuar despois como profesor Adxunto Interino de Didáctica e Prácticas Escolares, profesor Encargado de Cátedra de Didáctica Xeral e como profesor Titular de Escola Universitaria, con encargo de Cátedra. Dende outubro de 1997 é catedrático de Escola Universitaria.