Pasar al contenido principal

O Observatorio Galego do Territorio inicia un ciclo dedicado á toma de decisións sobre o territorio, o urbanismo e a paisaxe en Europa

A toma de decisións sobre o territorio, o urbanismo e a paisaxe en Europa (no ámbito estatal, rexional-autonómico e municipal) é o eixo temático dun novo ciclo impulsado polo Observatorio Galego do Territorio, coa colaboración do Centro de Estudos Avanzados (CEA) e da Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade. Esta actividade permitirá iniciar un estudo comparativo en toda Europa para buscar solucións aos problemas da xestión do territorio, do urbanismo e da paisaxe. Con entrada libre ata completar o aforo, a primeira intervención dedicarase ao caso irlandés da man do catedrático de Xeografía da Universidade de Cork, Patrick O’Flanagan. Esta sesión celebrarase este mércores 27 ás 19:00 horas no Centro Social Novacaixagalicia (Praza de Cervantes) Xeógrafo e académico irlandés, Patrick O`Flanagan é o responsable do Departamento de Xeografía na University College Cork de Irlanda. A súa principal liña de investigación está focalizada na Europa Atlántica, con particular interese na Iberia Atlántica.

O Observatorio Galego do Territorio (OGT) que dirixe o catedrático da USC Gerardo Pereira Menaut defínese como un foro aberto á participación de persoas e grupos interesados en estudar e facer propostas sobre o uso e xestión do territorio e o coidado da paisaxe. Coa súa sede no CEA da USC, nel participan profesores universitarios e profesionais do urbanismo, a arquitectura, a historia e o dereito, profesionais que reivindican un cambio lexislativo para rematar coa exclusividade nas competencias do poder executivo no ordenamento do territorio.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.04.2011.