Pasar al contenido principal

Profesionais e persoal investigador procuran respostas ao futuro dos medios de comunicación en galego

Comezaron as xornadas “Os medios en galego, importan?”

“Os medios en galego non importan case nada ou nada neste país, se é que aínda lle podemos chamar así, porque non existe un só xornal diario na nosa lingua” foi a idea coa que comezou a súa intervención José Luis Gómez nas xornadas “Os medios en galego, importan?”. Gómez, xunto á profesora da Universidade de Vigo Emma Torres, reflexionaron arredor da viabilidade comercial da prensa en galego baixo un punto de visto económico e identitario. O ex director de Xornal.com quen considera que “non se pode afirmar que haxa unha alma perversa no colectivo galego que queira destruír á lingua galega”, apuntou cara un sistema de subvencións perverso, que provoca que “haxa fondos de normalización lingüística en Galicia que van destinados a medios de comunicación en español”. Pola súa banda, Emma Torres, en referencia ao negocio publicitario en Galicia, lembrou que a perda da capacidade económica dos xornais débese basicamente á perda de insercións publicitarias. Respecto do papel da lingua galega no eido publicitario, a docente da Universidade de Vigo considera que a súa normalización é parella á dos medios, polo que, de momento, a súa presenza en campañas publicitarias é exclusivamente “unha estratexia de posicionamento”. Dende esta mesma vertente económica, Óscar Juanatey, da Universidade da Coruña, e o profesor da USC Miguel Túñez coincidiron en desvincular a complexa viabilidade dos medios en galego da crise económica actual. Neste senso, Miguel Túñez apostou por realizar unha análise máis alá do habitual comentario numérico, “cando se fala de galego nos medios, tendemos a ter unha actitude puramente descritiva e o que hai que ter é unha visión realista, desprovista de romanticismos”, para engadir que “os medios son empresas e que, como tales producen produtos para ser vendidos a unha audiencia”. Neste contexto de industrias culturais, o membro do Consello da Cultura Galega considera prioritario que o galego se converta nun ingrediente de calidade para os lectores e nun valor comercial para as empresas. “Como galegos non asumimos a lingua como un criterio co que avaliar os niveis de calidade dun produto xornalístico”, subliñou Túñez. Só así, asegurou, a prensa galega deixará de utilizarse como un complemento secundario e reducido a determinado tipo de informacións. A experiencia en Cataluña A directora do Observatorio de Políticas de Comunicación da Universitat Autònoma de Barcelona, Isabel Fernández, aludiu ás axudas institucionais á prensa dende a perspectiva do armazón comunicativo catalán. Fernández realizou unha análise do sistema de subvención aos xornais en catalán, xurdido na Transición co obxectivo de crear un espazo de comunicación propio dentro do “ proxecto de reconstrución nacional de Catalunya”. A profesora asegurou que as políticas de comunicación xogaron un papel central neste proceso, sendo unha prioridade política para todos os partidos que pasaron polo goberno da Generalitat, especialmente no impulso da radio e a televisión públicas. Novos medios en galego Na última quenda de intervencións do día, os protagonistas foron os novos medios de comunicación en galego que botarán a andar nos vindeiros meses, como Sermos Galiza e Praza Pública, ou recentemente aparecidos, como Tempos Dixital. Olalla Rodil e Xosé Ramón Freixeiro, membros do grupo promotor de Sermos Galiza, presentárono como “un proxecto que nace á inversa, xurdido da sociedade á espera que esta o faga propio” co obxectivo de “rachar co silencio mediático ao que os medios convencionais téñennos acostumados”. Para iso pretenden contar con máis de 3000 subscritores que fagan viable a creación dun xornal diario na rede e un semanario en papel. Marcos Pérez Pena, de Praza Pública, definiuno como “un medio dixital, en galego e de calidade” ante a “falta de voces e espazos mediáticos nos medios en galego”. Segundo Pérez Pena, Praza Pública aproveitará todas as posibilidades da rede, tratando poucos temas pero en profundidade e empregando todos os xéneros. Este novo medio constituirase como un medio dixital con publicidade e que se sustentará co apoio económico dos lectores. O coordinador de Tempos Dixital Denís Fernández sinalou que o obxectivo da publicación é xerar contidos achegados a un público novo, “xa que, a revista ten unha audiencia de máis idade”. Nesta dinámica as redes sociais contarán cun papel prioritario na estratexia do medio, posto que a maior parte das visitas que recibiron ata o de agora xeráronse a través de Facebook e Twitter. Desde Praza Pública e Tempos Dixital non se descartou a idea de poder chegar a compartir accións comerciais, correlacionar contidos e contratar a anunciantes pois “non é o mesmo vender un produto que leen 25.000 lectores que un paquete que poidan ler máis”, asegurou Denís Fernández. As xornadas “Os medios en galego, importan?” trataron na súa sesión inaugural son unha iniciativa da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación a proposta da Liga Estudantil Galega que reúne a profesionais e persoal de investigación sobre os medios co gallo de reflexionar e debater sobre o futuro da comunicación realizada en lingua galega.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.11.2011.