Pasar al contenido principal

As compañías de Italia e Asturias representan os seus últimos espectáculos no Festival Internacional de Teatro Universitario

En Santiago poderá verse este mércores a función ‘Yo vivo. Delirio para un actor’ e en Lugo ‘Tres sombreros de copa’

As compañías de Asturias e Italia son as protagonistas do cartel deste mércores, 6 de abril, no XVII Festival Internacional de Teatro Universitario, que dende o luns 4 se celebra de xeito simultáneo no campus compostelán e lucense. Concretamente, en Santiago, o público poderá ver a obra ‘Yo vivo. Delirio para un actor’, o último espectáculo da compañía teatral Banda Kurenai, do grupo Limpido da Università Degli Studi di Genova (Italia). A representación comezará, como cada día, ás 21:00 horas no Salón Teatro. En Lugo, os espectadores terán a oportunidade de gozar do clásico ‘Tres sombreros de copa’, de Miguel Mihura. Nesta obra réndese homenaxe a todos eses artistas que percorrían o país no primeiro terzo do século XX e que hoxe desapareceron. Unha destas compañías é a que retrata Mihura en Tres sombreiros de copa, a compañía de Buby Barton, cunha dramaturxia na que nos podemos atopar números musicais que van dende o máis típico español ao que se supoñía que chegaba a través das películas musicais americanas coma o claqué ou cancións de vedette, entre outras. Os espectadores que desexen asistir a esta función contarán con servizo de autobús dende a Facultade de Formación do Profesorado, ás 19:45 horas; e ás 20:00 horas da Residencia Bal Y Gay. A entrada nos dous espectáculos, ao igual que en todas as obras que se van representar no XVII Festival Internacional de Teatro Universitario ao longo de toda a semana, é de balde, pero será requisito previo retirar con antelación os billetes. En Santiago, o despacho do Salón Teatro estará aberto dende dúas horas antes do inicio da función; e en Lugo, o Auditorio Gustavo Freire, 30 minutos antes.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.04.2011.