Pasar al contenido principal

Remata o prazo de matrícula do ‘Obradoiro de linguaxe e redacción xurídica I’

Os estudantes de Dereito teñen a oportunidade mellorar a formación léxica e gramatical en galego totalmente de balde, participando no ‘Obradoiro de linguaxe e redacción xurídica I’, que terá lugar a finais de abril e durante o mes de maio na Facultade de Dereito. O prazo de matrícula remata este venres 15, podendo as persoas interesadas formalizar a inscrición a través da web. O curso ten como obxectivos dar a coñecer as características principais do tecnolecto xurídico, asentar un modelo de linguaxe xurídica galega de calidade e familiarizarse coas peculiaridades morfolóxicas e sintácticas do galego xurídico. Así mesmo, preténdese que os asistentes afonden no proceso de modernización estilística da linguaxe xurídica, dominen a terminoloxía básica, e unifiquen criterios verbo da produción de tipoloxías documentais e da aplicación de recursos ortotipográficos. O curso, que será impartido por Martín Ramos Ínsua do Colexio de Avogados de Santiago, ten unha duración de 20 horas presenciais máis 10 horas para a elaboración de traballos e ten recoñecido un crédito de libre configuración. A iniciativa forma parte do programa de actividades dirixidas aos estudantes da Facultade de Dereito, dentro do plan de normalización ‘Témoslle lei’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.04.2011.