Pasar al contenido principal

O profesor García Berrios estuda na súa tese os sistemas de mantemento do solo en viñedos da Ribeira Sacra e Rías Baixas

García Berrios xunto ao equipo director da tese e o xurado despois da defensa da tese nos pasados días en Lugo.
García Berrios xunto ao equipo director da tese e o xurado despois da defensa da tese nos pasados días en Lugo.

O profesor da Escola Politécnica Superior Julián García Berrios presentou na súa tese de doutoramento un estudo de ‘Avaliación de Sistemas de mantemento do solo en viñedos de Ribeira Sacra e Rías Baixas’.

O docente e membro do grupo de investigación ‘Vitis Research’ analiza os distintos sistemas de mantemento do solo en dous viñedos comerciais en plena produción nas variedades mencía no caso de Ribeira Sacra e albariño en Rías Baixas. Para isto, estudouse a composición e evolución da vexetación adventicia e os efectos nas cepas na calidade do mosto como consecuencia da aplicación de diversas técnicas que incluíron laboreo, uso de herbicidas e acolchados en Ribeira Sacra e diversos tipos de praderías e xeitos de controlalas en Rías Baixas. Por outra banda, García Berrios estudou tamén os efectos destas técnicas no contido da auga e nitratos do solo. O doutor, que recibiu a cualificación de sobresaínte cum laude na tese presentada o pasado 30 de marzo, salienta unha serie de observacións que trasladan que no caso de Rías Baixas, o uso de pradería sementada conseguiu unha certa redución do vigor da variedade albariño; a calidade da colleita foi superior nas parcelas labradas, pero o elevado risco de erosión faríaa desaconsellable en parcelas en pendente. No caso de Ribeira Sacra, a técnica de “empallado” tería un comportamento máis independente do réxime de precipitacións ca o laboreo e o tratamento con herbicida, pero acadou efectos sobre os parámetros de calidade e produtivos por alteracións microclimáticas. Con esta investigación púxose de manifesto que o efecto da añada prevalece sobre os dos tratamento e que o efecto destes só se ve a medio e longo prazo. Por tanto, non habería solucións xerais e as técnicas a aplicar deben axustarse ao obxectivo produtivo e ás condicións do solo e microclimáticas e conxugarse co resto de decisións de xestión do viñedo, segundo apunta a tese. Para García Berrios, os datos obtidos son unha axuda para seleccionar en cada ecoloxía e tipo de viticultura, as técnicas máis apropiadas dependendo das condicións ecolóxicas, socioeconómicas e as referentes ao tipo de orientación produtiva. Julián García Berrios é enxeñeiro agrónomo, profesor de viticultura do Departamento de Produción Vexetal da USC e membro do Grupo de Investigación ‘Vitis Research’. Esta tese foi dirixida polos profesores do departamento de Produción Vexetal Enrique Carcelén Fernández e Cristina Cabaleiro Sobrino. O tribunal encargado de xulgala estivo formado por Fernando Pérez Camacho (catedrático da Universidade de Córdoba), Vicente Sotés Ruiz (catedrático da Universidade Politécnica de Madrid), Alvaro Standardi (catedrático da Universidade de Perugia, Italia), Alberto Palliotti (profesor de viticultura da Universidade de Perugia, Italia) e Ventura Padilla Villalba (Investigador do IMIDA, Murcia). Para a investigación de Berrios colaboraron as empresas Adegas Moure, na Ribeira Sacra, e Galiciano, nas Rías Baixas. O grupo de investigación continúa actualmente os seus estudos sobre mantemento do solo na Ribeira Sacra e principalmente na parcela experimental emprazada en Portomarín seguindo a liña iniciada con este traballo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.04.2011.