Pasar al contenido principal

O vicepresidente de dirección do Cluster da Saúde de Portugal intervén no acto de entrega do Premio Sergio Vidal

Honrar o labor e memoria do que fora profesor da USC Sergio Vidal Ruibal e a o tempo servir de estímulo para os novos investigadores é a pretensión do Premio Sergio Vidal que se concede anualmente e que hoxe se coñecerá na súa sétima edición. Nese acto in memoriam, que transcorre esta mañá na Aula 1 do CHUS, o encargado de pronunciar a conferencia especial é Manuel Sobrinho-Simões, catedrático de Anatomía Patolóxica e director do Instituto de Patoloxía e Inmunoloxía Molecular da Universidade de Porto (Portugal), xefe do Servizo de Patoloxía do Hospital San João e vicepresidente de Dirección do Health Cluster Portugal. O profesor portugués intervén co relatorio ‘¿Qué nos ensinaron os tumores tiroideos sobre o cancro?. Manuel Sobrinho Manuel Sobrinho-Simões licenciouse e doutorouse na Facultade de Medicina da Universidade de Porto realizando unha estadía posdoutoral no Instituto do Cancro de Noruega (Oslo). É especialista en patoloxía molecular, oncobioloxía e cancro de tiroides. En 1989 creou o Instituto de Patoloxía e Inmunoloxía Molecular da Universidade de Porto que preside desde entón. É profesor Asociado de Patoloxía e Bioloxía Celular da Facultade de Medicina da Universidade Thomas Jefferson de Filadelfia. Dirixiulle a tese doutoral a máis de 30 médicos e científicos portugueses e estranxeiros. Nas instalacións da Universidade de Porto realiza anualmente de 200 a 300 casos de consulta diagnóstica (principalmente de tumores tiroideos) para hospitais e institutos de oncoloxía de Europa, EEUU e América do Sur. Presidiu a Sociedade Europea de Patoloxía (SEP) desde 1999 a 2001, tras ser secretario xeral de 1989 a 1997. Como presidente da SEP creou as Divisións de Moscú (2001), Ankara (2003), Cracovia (2005) e Hradec-Kralové-Charles University (2006) da Escola Europea de Patoloxía. Entre os galardóns conseguidos destacan o Premio Bordalo Ciencia (1996), o Seiva (2002) e o Pessoa (2002), ademais da Medalla de Ouro de Arouca e de Porto, a Medalla de Mérito da Cruz Vermella Portuguesa e do Colexio Médico. Sergio Vidal Sergio Vidal Ruibal (1966-2003) foi un brillante profesor da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela. Posuía unha gran vocación docente e foi galardoado co Primeiro Premio á Innovación Educativa (Área de Ciencias da Saúde) da Universidade de Santiago en 2001. O Profesor Sergio Vidal Ruibal desenvolveu un intenso labor investigador en colaboración con varios Departamentos da Universidade e do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, así como con outras Universidades e institucións nacionais e estranxeiras que resultaron en numerosas publicacións de recoñecido prestixio. Participou na elaboración da máis recente Clasificación de Tumores de Órganos Endocrinos da Organización Mundial da Saúde, e os seus traballos con Kalman Kovacs e Eva Horvath, do St. Michael’s Hospital da Universidad de Toronto (Canadá), e cos doutores Bernd W. Scheithauer e Ricardo V. Lloyd, da Mayo Clinic de Rochester (USA), son unha referencia actual no campo da patoloxía hipofisaria humana.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.05.2011.