Pasar al contenido principal

Lugo Cultural entrega este xoves os premios do XVII Maratón Fotográfico do Campus de Lugo

Inaugúrase ademais a mostra cos traballos presentados ao certame

Representantes das entidades que conforman Lugo Cultural darán a coñecer este xoves 12 ás 20:30 horas na Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria o nome dos gañadores dos premios da décimo sétima edición do Maratón Fotográfico do campus lugués e inaugurarán a mostra cos traballos presentados. A este acto asistirán o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo e membro do xurado, Pedro García Herradón; a concelleira de Cultura, Nuria Mundiña; o vicedecano de Ordenación Académica e Calidade da Facultade de Veterinaria, Germán Santamarina; o director da Escola Politécnica Superior, Javier Bueno; e a encargada da Oficina de Cultura do Campus de Lugo, Paloma Lugilde. Tamén estarán presentes os outros dous compoñentes do xurado, o coordinador do Espazo de Fotografía da USC, Eduardo Ochoa, e o fotógrafo Carlos Valcárcel. O certame Trinta e oito persoas participaron nesta edición (8 na modalidade analóxica e 30 na dixital), que tivo como temas centrais sons da cidade, obras e xestión do medio ambiente, ademais do tema libre habitual na modalidade analóxica. Os participantes optan a un total de cinco premios, dous de 120 euros para a mellor fotografía de cada tema e para a de tema libre; 180 euros para a película de nivel medio máis alto; Premio EPS dotado con 75 euros; e o galardón ‘Carlos Valcárcel’, de 200 euros, que se concede á mellor fotografía presentada por calquera persoa que asistise a algún dos cursos de formación fotográfica da USC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.05.2011.