A USC e o Grupo Aresa convocan a décimo segunda edición do Premio Aresa, dotado con dez mil euros

A décimo segunda convocatoria do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural presentouse este luns en San Xerome logo de que o reitor Juan Casares e o presidente do Consello de Administración do Grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, asinasen o convenio polo que se convoca. Asistiron tamén ao acto o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, e a adxunta á presidencia, Carlota López Pardo. O Premio Aresa pretende incentivar a investigación e o desenvolvemento así como aquelas traxectorias persoais, empresariais ou institucionais innovadoras nos eidos agrícola ou gandeiro como elementos fundamentais para mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas vinculadas ao medio rural galego. Promovido pola Universidade de Santiago e Aresa, compañía lucense que opera no sector dos fertilizantes e produtos gandeiros en España e Portugal, o gañador percibirá dez mil euros, o que o converte no galardón mellor dotado de cantos na súa especialidade se outorgan en Galicia. Requisitos Ao premio poden concorrer persoas, grupos de investigación, institucións, asociacións, empresas ou calquera outra entidade que contribúa ao desenvolvemento da economía rural galega. Para concorrer ao galardón debe presentarse un traballo de investigación e desenvolvemento, unha iniciativa empresarial innovadora ou unha traxectoria persoal ou institucional nos ámbitos agrícola ou gandeiro. As candidaturas poderán ser propostas a título individual polos interesados ou ben por universidades, centros de investigación, institucións públicas ou privadas e empresas. Bases e xurado Os rexistros dos campus universitarios de Santiago e Lugo serán os lugares onde se deberán presentar as candidaturas, con data límite o 14 de outubro. O ditame darase a coñecer na segunda quincena do mes de decembro e a entrega do galardón terá lugar a comezos de 2012. Formarán o xurado o reitor da USC, o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, o presidente de Aresa, un membro designado por Aresa e outro acordado entre os dous convocantes, que será preferiblemente unha persoa de recoñecido prestixio no sector agrario. Para máis información sobre esta convocatoria e anteriores pódese consultar a web www.premioaresa.com. Anteriores convocatorias As anteriores convocatorias do Premio Aresa acapararon o interese da comunidade científica galega e o empresariado. Na súa primeira edición recaeu na industria cárnica Novafrigsa (Grupo Coren), mentres que en 2001 foi recoñecido o investigador Javier Guitián Rivera, por un estudio multidisciplinar sobre a serra de O Courel. Na terceira edición distinguiuse co galardón á Aula de Produtos Lácteos, centro de investigación integrado no Instituto de Investigación e Análises Alimentarias da USC, e na cuarta o galardón correspondeulle a José Manuel Silva Rodríguez, por entonces director xeral de Agricultura na Comisión Europea. O quinto premio foi para a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, o sexto para o programa da Televisión de Galicia ‘ O Agro-Labranza’ por ser testemuña directa da transformación da cultura agraria e do espazo rural. Na sétima edición valorouse o labor do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e ao ano seguinte distinguiuse a iniciativa empresarial de Eladio Rigueira Sobrado, propietario da empresa Queixería Casa Macán. Xa na novena convocatoria o galardón recaeu na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo e na décima no Grupo Ingapan. A última edición do galardón foi para a Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (ACRUGA). De esquerda a dereita, Pedro García Herradón, Juan Casares Long, Álvaro Rodríguez Eiras e Carlota López Pardo (Foto: Alfonso)