A Asociación Internacional Permafrost reúnese no Piornedo para avanzar nas investigacións sobre solos conxelados e cambio climático
Os grupos de investigación españois e portugueses que traballan en cuestións relacionadas con solos conxelados e o cambio climático no ártico, Antártida, altas latitudes e ambientes de montaña reúnense esta semana no Concello lugués de Cervantes no III Congreso Ibérico da International Permafrost Association. O encontro, que se desenvolverá integramente nas instalacións do Hotel Piornedo, organízao o Grupo de Investigación ES2-Earth System Science do Departamento de Xeografía da USC. A inauguración ten lugar na tarde deste luns 20 ás 18:00 horas e nela participarán o v icerreitor adxunto de Investigación e Innovación, Pablo Ramil Rego; o profesor da USC Marcos Valcárcel; o deputado provincial Manuel Martínez; e o alcalde de Cervantes, Benigno Gómez. As sesións propiamente académicas darán comezo este martes e prolongaranse ata o xoves 23. Nelas presentaranse en distintas comunicacións os resultados ou avances nas súas liñas investigadoras. Ademais, inclúe cinco conferencias convidadas a cargo dos expertos Colin Thorn, da Universidade de Illinois; Antoni G. Lewkowicz, de Ottawa; James Bockheim, da Universidade de Wisconsin-Madison; Enrique Serrano, de Valladolid; e Antonio Correia, da Universidade portuguesa de Evora.