Pasar al contenido principal

O Campus de Lugo anima ao emprendedurismo cunhas xornadas de motivación empresarial

No primeiro seminario deste mércores participarán estudantes do grao de enxeñaría civil

Romper os mitos sobre a figura do emprendedor. Ese é o propósito dunhas xornadas de motivación empresarial que organiza no Campus de Lugo a súa Unidade de valorización, transferencia e emprendemento en colaboración co Concello. O primeiro destes seminarios, que terán continuidade ao longo dos vindeiros meses, desenvolverase este mércores 26 na sede do CEI Nodus do Concello de Lugo. A el asistirán cincuenta estudantes de enxeñaría civil da Escola Politécnica Superior. Durante todas as xornadas exporanse casos reais de persoas emprendedoras en Galicia, que explicarán os seus inicios, os recursos dos que dispoñían, a orixe da súa idea empresarial, as motivacións que os levaron a desenvolver o seu proxecto, as dificultades que tiveron que superar e as ameazas e perspectivas de éxito que se avistan no seu sector ou mercado. Os seminarios comezarán mostrando a figura dunha persoa emprendedora, pedra angular de calquera proxecto empresarial, e analizarase a relación entre o éxito da empresa e as súas características persoais. Continuará a xornada tratando a idea de negocio, é dicir, que concepto se pretende vender e cal será o perfil da clientela potencial habida conta que a viabilidade dun proxecto depende en gran medida da calidade e madurez da idea inicial. Neste bloque temático abordaranse tamén as diferentes fontes de información ás que se debe acceder para recompilar datos, procesalos e analizalos co fin de examinar os visos de viabilidade comercial, económica-financeira e técnico-legal. Por último, ofreceranse recursos e ferramentas para transformar a idea en proxecto tales como elaborar un plan de empresa rigoroso ou unha planificación real dos recursos humanos e materiais necesarios.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.10.2011.