A Escola de Profesorado de Lugo impartirá o Máster en Dirección de actividades educativas na natureza, único en España
O Campus de Lugo contará o vindeiro curso co Máster Universitario en Dirección de Actividades Educativas na Natureza, unha titulación que non se imparte noutra universidade española e que atende a un sector de traballo e emprego cada vez máis demandado. A matrícula deberá formalizarse entre o 4 e o 9 de setembro Este novo título da USC presentouno este mércores o seu coordinador, o catedrático de Teorías e Institucións Contemporáneas da Educación da USC Eugenio Otero Urtaza, Premio Nacional de Investigación Educativa en 1990 e un dos máis recoñecidos estudosos da obra educativa da Institución Libre de Enseñanza. Trátase dun curso completamente inédito no ámbito das universidades españolas que reúne as temáticas de educación ambiental, educación ao aire libre, paisaxe e arte en relación coa natureza xunto coa capacidades de xestión, organización e dirección de grupos e institucións. “Falamos dunha materia ata agora nula en España pero con moita presenza en EEUU e algunha menos en Europa”, aclarou Urtaza. Efectivamente, países como Estados Unidos, Australia, Suecia, Nova Zelanda, Noruega ou Inglaterra dispoñen de posgraos de prestixio semellantes. Capacitar a educadores e profesores na alta dirección pedagóxica de actividades relacionadas co tempo de lecer, o aire libre e o contacto coa natureza e exercitalos na organización, deseño e desenvolvemento de actividades educativas básicas é o obxectivo principal do posgrao, que rematará cun prácticum no que se aplicarán todos os coñecementos nun contorno real. O máster, que desenvolverá a súa parte teórica entre setembro e marzo na próxima Facultade de Formación de Profesorado de Lugo (nome co que se vai transformar nos vindeiros meses a actual Escola luguesa), ofrece un total de 25 prazas especialmente destinadas a titulados nas distintas especialidades de Educación e en Bioloxía, Xeoloxía, Xeografía ou Ciencias da Actividade Física e Deporte así como para outros títulos relacionados cos contornos naturais como os agroforestais. Para iniciar estes estudos é recomendable ter algunha experiencia en asociacionismo xuvenil, coñecemento da natureza, deportes de montaña, excursionismo, capacidade narrativa e de descrición de paisaxes e nocións de seguridade en actividades ao aire libre. Como máster oficial que é o título ten validez en todos os países da Unión Europea.
Quen o realice estará capacitado para traballar como docente de educación infantil, primaria e secundaria no ámbito da natureza; educador e técnico de asociacións de tempo libre en contornos naturais; xestor de clubs de deporte na natureza; técnico de educación e protección ambiental en concellos e administracións educativas; na dirección de aulas da natureza, de granxas-escola, de instalacións educativas en espazos protexidos; no deseño de guías da natureza e itinerarios; documentación de rutas; e persoas que realicen actividades educativas con maiores ou discapacitados en contornos naturais.