O colectivo da USC Calidade do Ceo entrega este xoves os premios do seu certame artístico contra a contaminación lumínica
Un grupo de bolseiros da Oficina do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, agrupados baixo o nome Calidade do Ceo, desenvolveu durante este curso unha serie de actividades en torno á contaminación lumínica e o aforro enerxético, no marco das Comunidades en Transición postas en marcha recentemente pola USC. A última acción foi o concurso artístico ‘Apaga unha luz, acende unha estrela’ que este xoves 7, ás 20.00 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia), entregará os premios cedidos por Óptica Val (telescopio e prismáticos), Garum Bistró (unha cea para dúas persoas) e a libraría Couceiro (diferentes lotes de libros). O xurado estivo composto polos docentes Salvador Bará, Josefina Ling, Juan Monterroso e María Teresa Barral. USC en transición A iniciativa forma parte do novo proxecto da Oficina do Plan de Desenvolvemento Sostible ‘USC en transición’ que procura instar á comunidade universitaria a coñecer outros modelos de vida máis sustentables. As comunidades en transición (transition towns), tamén chamadas rede en transición ou movemento en transición, iniciáronse en Kinsale (Irlanda) e estendeunas polo mundo o ambientalista Rob Hopkins coa fin de dotar de control ás comunidades para soportar o dobre desafío do cambio climático e o pico de produción do petróleo. Trátase de crear pequenas redes, microgrupos ou comunidades que transiten cara a un modo de vida máis sustentable e sociable, que inclúa un mellor aproveitamento de recursos, redución do consumo de enerxía, coherencia na planificación enerxética e a cooperación entre os integrantes. Na comunidade en transición da USC nace Calidade do Ceo, que ademais do concurso organizou unha ruta polo Campus Sur cunha parte técnica de medición da contaminación lumínica mediante o reconto de estrelas e outra de elaboración dun "mapa emocional" onde plasmar os sentimentos e inquedanzas que esta problemática espertou nos participantes.