Pasar al contenido principal

campUSCulturae da USC celebra o Día Internacional da Radio e a TV a favor da Infancia con nenos e nenas de toda Galicia

O programa campUSCulturae da USC a prol das culturas do mundo, do entendemento multicultural e do fomento da diversidade e do pluralismo celebrou este venres na Facultade compostelá de Ciencias da Comunicación unha festa educativa destinada principalmente a escolares de toda Galicia de conmemoración do Día Internacional da Radio e da Televisión a favor da Infancia enmarcada na semana da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. A celebración, á que foron convidados cincocentos escolares de idades comprendidas entre os 8 e os 14 anos, xira en torno á difusión a través dos medios de comunicación -principalmente da radio e da TV- de traballos realizados co propósito de sensibilizar á sociedade coa intervención e desde a perspectiva da infancia como aposta de futuro para construír novas dinámicas e fomentar unha visión integradora e plural da vida e do mundo. En concreto, participan IES Río Cabe (Monforte de Lemos); IES Escolas Proval e IES Juan María (Nigrán); CEIP de Asados e CEIP “Brea Segade” (Rianxo); IES Virxe de Lourdes (A Estrada); e os centros de Santiago IES Rosalía de Castro, IES Arcebispo Xelmírez I e II, CEIP de Roxos, IES Antón Fraguas, CEIP López Ferreiro e o Centro de Educación Especial López Navalón. A Facultade de Ciencias da Comunicación foi así lugar de encontro non só de escolares e docentes galegos senón tamén de Polonia, Estados Unidos, Italia, Arxentina, Bangladesh, Brasil, Bélxica, Guinea-Bissau, México e Finlandia, que participan de maneira telemática nos obradoiros que trataban de fomentar os valores da interculturalidade, o respecto á diversidade e á non discriminación. Nesta primeira gran actividade do proxecto europeo campUSCulturae, coordinado por Irene García e Xosé A. Neira Cruz, organizáronse obradoiros de teatro a favor da diversidade coa axuda de inmigrantes que axudaron a comprender outras formas de vida grazas á recreación dos seus costumes. Ademais, tivo lugar a performance de creación teatralizada ‘Living Room’ a cargo do actor Joshua McCarey que empregando novas tecnoloxías concienciou sobre a importancia das minorías. Houbo tamén obradoiros de televisión, radio, percusión e maxia, proxección de filmes e un concerto de integración a cargo das escolas Proval de Pontevedra. campUSCulturae campUSCulturae é un proxecto da USC que conta co financiamento da Culture Agency da Unión Europea para os próximos cinco anos. Considerar a importancia das culturas, nomeadamente as minoritarias, e apostar pola diversidade cultural do planeta ofrecendo á nosa lingua e cultura a posibilidade de establecer procesos de retroalimentación con outros códigos lingüísticos e culturais e o seu principal obxectivo. O proxecto pretende neste lustro crear unha gran biblioteca internacional especializada en literatura infantil e xuvenil que represente a diversidade cultural e o primeiro Museo Internacional da Ilustración, con obra de autores e autoras de recoñecido prestixio en todo o mundo.

Ademais, poñerase en marcha o Centro Internacional da Creatividade, plataforma de experimentación entre linguaxes infantís e arte contemporánea e escaparate virtual das culturas do mundo, e a Radio-TV on line campUSCulturae. Por último, propóñense desenvolver o Centro da InterCulturalidade, un espazo para poñer en rede o traballo de comunidades culturais de distintos lugares do mundo e para integrar na cultura a persoas con necesidades especiais.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.12.2011.