Pasar al contenido principal

Profesionais da educación danse cita no seminario de atención ao alumnado inmigrante

O encontro inaugúrase este venres 2 na Escola Galega de Administración Pública

Promover un debate estable sobre investigación e innovación na atención educativa á inmigración en Galicia é o principal cometido do encontro que este venres 2 se inaugura na Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Esta é xa a quinta edición do seminario, no que ata o sábado 3 se darán cita profesionais de diversos ámbitos da educación. Á apertura, ás 16:15 horas, asistirán a vicerreitora de Titulacións e Persoal Docente e Investigador, Carmen Fernández Morante; o secretario xeral de Emigración, Santiago Camba; o director xeral de Educación e Formación Profesional, José Luis Mira; o decano da Facultade de Ciencias da Educación da USC, Rodolfo Luis Ferradás; o director de Programas da Fundación SM, José María González; e o presidente do comité organizador do encontro, o profesor Miguel A. Santos. Programa Logo da inauguración terá lugar a primeira conferencia, ‘Actitudes dos profesores na atención ao alumnado étnica e culturalmente diverso: Propostas de formación permanente’ a cargo de José Antonio Jordán Sierra, da Universidade Autónoma de Barcelona. O encontro contempla tamén este venres o desenvolvemento dunha mesa redonda sobre as dinámicas de acollida á infancia da inmigración en Galicia no que participarán docentes da USC e de diversos centros educativos e concellos galegos. Xa o sábado a sesión comezará co relatorio ‘A interculturalidade na aula: posibilidades desde o marco normativo do currículo’ a cargo de Julia Crespo Comesaña, da USC, ao que lle seguirán cinco obradoiros prácticos. O encontro remata cunha xornada de contraste de experiencias e boas prácticas e a conferencia ‘ O aproveitamento educativo das migracións na literatura infanto-xuvenil’ a cargo de Concepción Costas, profesora do IES Auga da Laxe de Gondomar e presidenta da Asociación Espazo Lectura do Val Miñor.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.12.2011.