Pasar al contenido principal

Á procura de proxectos empresariais innovadores entre os universitarios galegos

Amplíase o prazo para participar no X Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC

Proxectos viables empresarialmente; que acheguen produtos, procesos ou servizos innovadores; con capacidade para xerar emprego; e promovidos por un grupo multidisciplinario tendo en conta as políticas de igualdade. Estes son os trazos que o xurado do X Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC buscará e premiará entre as propostas que se presenten á convocatoria.
O prazo para a presentación de traballos acaba de ampliarse ata o vindeiro 15 de marzo, para o que os grupos ou persoas interesadas deberán presentar unha memoria descritiva do proxecto empresarial ben en Santiago ou en Lugo. A convocatoria contempla un primeiro premio de 7.000 euros e ata outros 24.000 de préstamos participativo a cargo de Unirisco Galicia SRC e un segundo de 4.000 euros. Ademais establecéronse outras catro categorías que recibirán 2.000 euros cadansúa por iniciativas de Empresa Xove, Muller Emprendedora, Proxecto Medioambiental e Proxecto con Sensibilidade Social.
O obxectivo da iniciativa é impulsar a creación de empresas innovadoras promovidas por estudantes, licenciados ou investigadores, así como a innovación empresarial e a xeración de emprego. Así, a convocatoria está aberta tanto a estudantes e titulados de calquera das tres universidades galegas como do centros asociados da UNED en Galicia con independencia da área de coñecemento que individualmente ou en equipo teñan un proxecto empresarial innovador con potencialidade para converterse nunha empresa. Tamén poderán concorrer doutores, doutorandos, persoal de investigación e alumnos de terceiro ciclo que traballen en calquera centro de investigación galego, así como empresas xa constituídas ao longo do ano 2009 por promotores co perfil descrito.
Xunto co currículo dos promotores, a documentación a presentar incluirá unha memoria descritiva do proxecto na que conste o título, sector ao que pertence, produtos ou servizos ofertados, análise da competencia, plan comercial e de marketing, recursos humanos, plan de investimentos e financiamento e conta de resultados, sempre tendo en conta un horizonte temporal de cinco anos.
Para acadar máis información, está dispoñible á páxina web do programa Uniemprende ou en http://www.uniemprende.es/x-concurso-de-proyectos-empresariales-innovadores-de-la-usc.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.02.2010.