Oito grupos participarán no XVI Festival Internacional de Teatro Universitario de Lugo
Oito grupos de España e Portugal participarán este ano na décimo sexta edición do Festival Internacional de Teatro Universitario de Lugo, que se desenvolverá dende o 14 ao 20 de abril no Auditorio Gustavo Freire.
Os detalles da programación presentáronos este martes 30 na Vicerreitoría de Coordinación do campus lugués a vicerreitora de Cultura da USC, Elvira Fidalgo; o delegado territorial da Xunta de Galicia, José Carlos Rodríguez Andina; o delegado de Cultura da Deputación Provincial, Antonio Veiga; a concelleira de Economía e Emprego do Concello de Lugo, Sonia Méndez; e o xerente da Fundación Caixa Galicia en Lugo, Sinesio Pérez.
A Compañía de Teatro da USC no Campus de Lugo, dirixida por Alberte Cabarcos, inaugurará o festival o mércores 14 de abril coa posta en escena da obra ‘Unha dúbida razoable’, unha adaptación de ‘Doce homes sen piedade’ de Reginald Rose.
O festival continuará o día 15 coa Aula de Teatro da Universidade de Zaragoza que representará ‘El porvenir está en los huevos’ de Eugène Ionesco, e o día 16 con ‘Comendo pementos de Padrón con Tarantino’ de Leandro Lamas Ermida a cargo da Escola de Narón.
‘Noche de Reyes’ de William Shakespeare será a estrea do día 17 da man da Escola de Arte Dramático Superior de Asturias. Seguiralle o día 18 ‘Jorge!’ de Anthony West a cargo da Compañía portuguesa do Jogo, e o día 19 unha adaptación literaria libre de Roberto Salgueiro de ‘As cuñadas’ de Tremblay que porán en escena os alumnos da Aula de Teatro da USC. O encontro rematará o 20 de abril coa representación da obra de ciencia-ficción ‘Odisea espacial’ a cargo da Aula de Teatro Universitario Maricastaña de Ourense.
Todas estas actuacións terán lugar no Auditorio Gustavo Freire, a partir das 21:00 horas, con entrada gratuíta, previo paso polo despacho de entradas que permanecerá aberto ao público dende as 20:00 horas. As persoas que desexen asistir ás representacións disporán, como xa é habitual, dun servizo de autobuses que sairá da Escola Universitaria de Formación de Profesorado ás 20:15 horas e da Residencia Bal y Gay ás 20:30 horas.
Durante os días que dura o Festival, o grupo Tik Teatro da Residencia Universitaria Bal y Gay sorprenderá en diferentes espazos de Lugo coa súa actuación ‘Muros’.