Pasar al contenido principal

Uninova participa na segunda edición do programa europeo 'Erasmus para Emprendedores Novos'

A incubadora de empresas da USC, Uninova, participa na segunda edición do programa europeo de Intercambio de Emprendedores e Empresas ‘Erasmus para Emprendedores Novos’ en calidade de organismo intermedio. Como tal, Uninova levará a cabo labores de coordinación e apoio aos emprendedores e empresas participantes, así como a xestión dos emparellamentos empresariais que se xeren no ámbito europeo.
O programa Erasmus para Emprendedores Novos é unha iniciativa dirixida a axudar a novos emprendedores e a adquirir habilidades para xestionar Pemes. Para conseguilo, os emprendedores terán a posibilidade de compartir un período de entre un e seis meses cun empresario experimentado doutro país da Unión Europea. Neste contexto, Uninova lidera un consorcio do que tamén forman parte das universidades de Münster e Jena de Alemaña e o Spinpark de Portugal.
Os novos emprendedores deberán posuír un plan de empresa ou unha empresa xa constituída, de non máis de 3 anos de existencia, ademais de ter motivación e ganas de vivir unha experiencia que por seguro marcará a súa traxectoria empresarial. Por outra banda, as Pemes dispostas a acoller aos emprendedores doutros países deberán acreditar máis de tres anos de actividade.
Coa súa participación neste programa, os emprendedores beneficiaranse da oportunidade de aprender dun empresario con experiencia noutro país da Unión Europea, facilitando o acceso a novos mercados e busca de socios comerciais. Así mesmo os empresarios máis experimentados que acollan nas súas entidades aos novos emprendedores poderán abrir o seu mercado a outros países da Unión Europea.
O Programa “Erasmus para Xoves Emprendedores” estimula a iniciativa empresarial, a competitividade, a internacionalización e o crecemento da PEMES na Unión Europea. Ademais contribúe á transferencia de coñecementos técnicos e ao desenvolvemento da capacidade de xestión das PEMES.
A UE lanza este mércores en Bruxelas a segunda fase do programa, facéndoo coincidir co seu segundo aniversario, co obxecto de dar a coñecer os resultados acadados no pasado ano e de presentar aos emprendedores a novas fase que xa se atopa aberta.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.02.2010.