Antón Lamazares explora os sentimentos nunha mostra na Igrexa da Universidade

O pintor Antón Lamazares (Maceira-Lalín) trae a Compostela a súa obra máis recente e inédita da man da Universidade de Santiago de Compostela e a Consellería de Cultura e Turismo dentro da programación do Xacobeo 2010. A exposición inaugúrase este xoves ás 20:00 horas na Igrexa da Universidade nun acto ao que asiste o reitor Senén Barro.
‘Lume na fonte. Antón Lamazares na Domus Nai’, que comisaría Francisco Singul, presentárona este xoves aos medios de comunicación o propio artista, o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, e a vicerreitora de Cultura da USC, Elvira Fidalgo.
Concretamente, na mostra expóñense 67 obras creadas en Berlín entre 2007 e 2009, algunhas delas da serie ‘Fai frío no lume’, unha homenaxe ao seu pai falecido pero tamén á outra forma de vida que é a morte, e da súas Domus, cadros recortados en forma de casa ou que as representan. Por iso a mostra podería entenderse como a casa da morte tanto como a da vida.
A feliz coincidencia da obra de Lamazares nun espazo como a Igrexa da Universidade é celebrada tanto polos organizadores como polo propio autor. Como ben explica Francisco Singul no catálogo da mostra, o seu emprazamento na Igrexa potencia o carácter conceptual dunha mensaxe poética, “intimamente ligada ás raíces, á aldea e á sensibilidade franciscana do autor”. Ademais, máis aló do seu valor artístico, o conxunto pictórico resulta impresionante, con pezas concibidas para que caiba o corpo que, polo que teñen de sepultura, sobrecolle.
A exposición poderá visitarse ata o 25 de marzo de martes a sábado de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas e os domingos de 11:00 a 14:00 horas.