Pasar al contenido principal

Aberto o prazo de solicitude de bolsas AISTI para o Master en liña en Sociedade da Información e do Coñecemento da USC

A Asociación Ibérica de Sistemas e Tecnoloxías da Información (AISTI) mantén aberto ata o 4 de novembro o período de candidaturas para a asignación de cinco bolsas de estudo no ámbito do Master en liña en Sociedade da Información e do Coñecemento da USC. O primeiro clasificado recibirá unha bolsa do oitenta por cento do valor da matrícula, o segundo a metade e os restantes beneficiarios unha cuarta parte do seu custe.

Os criterios para a orde dos candidatos son, por preferencia, ser asociado da AISTI; ser oriúndo ou residir en África ou en América Latina; posuír formación académica en sistemas e tecnoloxías da información, ciencias sociais ou áreas afíns; mérito académico; e situación laboral.

Sociedade da Información
Co Máster preténdese concienciar ao alumnado na importancia das TIC na sociedade actual, na que se converten en ferramentas estratéxicas capaces de desenvolver social, cultural e economicamente unha cidade, municipio, rexión, país ou territorio en xeral.

No ámbito profesional, a intención é impulsar a innovación definindo e cubrindo novos postos de traballo na empresa, na administración pública e nas comunidades locais con estudantes especializados en desenvolvemento económico e social e novas tecnoloxías. En investigación, trátase de formar a investigadores de excelencia especializados no estudo dos impactos das TIC en empresas, institucións, organismos públicos e privados e na sociedade e no territorio.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.09.2010.