Pasar al contenido principal

Galaxias, estrelas, planetas, cometas... no Colexio de Fonseca

A mostra 'Con A de astrónomas' poderá visitarse ata o 29 de abril

Mostrarlle ao público as considerables achegas das mulleres á ciencia da Astronomía ao longo da historia. Este é o principal obxecto da mostra ‘Con A de astrónomas. Unha visión do Cosmos na fin do camiño das estrelas’ que este xoves se inaugura no Colexio de Fonseca. Ao acto asisten a vicerreitora de Cultura, Elvira Fidalgo; a secretaria xeral de Igualdade, Marta González; o director xerente do Xacobeo, Ignacio Santos, a concelleira Mercedes Rosón, e a comisaria da mostra, a profesora da USC Josefina Ling.
Mergullarse na ciencia da Astronomía, no denso e misterioso río de estrelas que cobren o ceo, recrearse cos obxectos que poboan o Cosmos como protagonistas... ao igual que os miles de mulleres que investigaron sobre eles e que homenaxea a exposición. Desde Aglaonike, que predicía eclipses de Lúa na Grecia clásica, pasando por Caroline Herschel, que no XVIII descubriu cometas e estudou as estrelas binarias, ata as investigadoras que na actualidade son punta de lanza na vangarda desta ciencia.
A exposición, un dos legados do grupo de traballo ‘Ella es una astrónoma’ do Ano Internacional da Astronomía 2009 continua así a súa itinerancia na súa versión museística tras estar durante tres meses na Casa da Ciencia de Sevilla.
Son en total trece grandes paneis –que estarán dispoñibles en formato dixital- e seis módulos interactivos, estes últimos con curioso contido grazas á cesión temporal da produtora Mod Producciones que permitirá que os visitantes contemplen o material orixinal da película ‘Ágora’, de Alejandro Amenábar, como estatuas, traxes, atrezzo e, especialmente, reproducións de instrumentos astronómicos.
‘Ella es una Astrónoma’O grupo ‘Ella es una astrónoma’, un dos máis importantes proxectos do Ano Internacional da Astronomía 2009, está formado por profesionais do campo da astronomía, a filosofía, a historia e o ensino. O seu propósito é contribuír a achegar os obxectivos de Desenvolvemento do Milenio das Nacións Unidas, nomeadamente “promover a igualdade entre os xéneros”.
Forman parte do grupo Francesca Figueras Siñol como coordinadora, Josefina F. Ling, Belén López Martí, Adriana Kiczkowski, Isabel Márquez Pérez, Josefa Masegosa Gallego, Eulalia Pérez Sedeño, Blanca Troughton Luque e Montserrat Villar Martín.
Ata o 29 de abrilA mostra permanecerá en Fonseca ata o 29 de abril en horario de martes a sábado de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas e os domingos e festivos pola mañá. Os grupos que desexen concertar visitas guiadas poden facelo a través do departamento de Educación do Concello compostelán.
A exposición está financiada polo CSIC, o MICINN e a FECyT, colaborando ademais a USC, Xacobeo 2010, o Concello de Santiago e o Seminario Muller e Universidade.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.03.2010.