O director xeral de I+D da Comisión Europea fala este venres en Económicas do Espazo Europeo de Investigación
O director xeral de I+D da Comisión Europea, Xosé Manuel Silva Rodríguez, exporá este venres en Santiago as iniciativas do Espazo Europeo de Investigación e Innovación actualmente en vigor e os retos para o futuro.
Será ás 16:30 horas no salón de graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC cando Silva defina como retos unha mellor utilización das instalacións e os recursos científicos europeos, “unha maior participación da inversión privada en I+D e un aumento dos recursos humanos e da mobilidade dos investigadores”, así como a creación dunhas “condicións máis propicias para un espazo de investigación de valores compartidos”.
O Espazo Europeo de Investigación é a estratexia europea orientada a aumentar a coherencia dos sistemas de I+D europeos e a busca de sinerxías entre eles.
Posgrao da USCA intervención do responsable destas políticas en Europa enmárcase no Máster en Desenvolvemento Económico e Innovación que organiza o grupo ICEDE da USC e dirixe o catedrático de Economía Aplicada Xavier Vence. O posgrao ten como obxectivo contribuír ao fortalecemento das capacidades do sistema de innovación mediante a formación de especialistas na xestión da investigación e da innovación, co obxectivo de profesionalizar e aumentar a capacidade de organización e xestión eficiente dos recursos.
Trátase ademais de formar profesionais no ámbito do desenvolvemento económico, de aplicabilidade local e rexional, que sexan quen de deseñar e xestionar proxectos de desenvolvemento a nivel empresarial, rexional e local, e aplicar instrumentos de políticas sectoriais.